Plácido Álvarez: “A responsabilidade e compromiso do PP salvaron hoxe a Manzaneda do seu peche definitivo”

O portavoz do grupo provincial popular e vicepresidente terceiro da Deputación, que agradeceu o apoio de Ciudadanos á ampliación de capital de Meisa presentada ao pleno celebrado hoxe, criticou aos grupos socialista, nacionalista e DO “que nun exercicio de incongruencia din que non se pode poñer en risco a estación de montaña, pero logo non son quen de superar os seus prexuízos partidistas e se absteñen de apoiar ao goberno provincial para que non desapareza as instalacións turísticas e deportiva de Manzaneda”.

“A responsabilidade e o compromiso que o grupo provincial do Partido Popular ten asumido coa viabilidade da estación de montaña de Manzaneda salvaron hoxe a este complexo do seu peche definitivo”, afirmou o portavoz do PP e vicepresidente terceiro da Deputación, Plácido Álvarez, que subliñou tamén o apoio de Ciudadanos á ampliación de capital da sociedade Meisa presentada ao pleno celebrado hoxe. “Un posicionamento que está nas antípodas do PSOE, BNG e DO, aos que se lles enche a boca falando do importante que é Manzaneda para Ourense, pero logo non apoian unha operación económica vital para o seu futuro, xusto agora que principia unha nova etapa de xestión”.

AVANTAR ACTIVIDADES

Aínda recoñecendo o esforzo económico que supón o crédito extraordinario aprobado hoxe, por valor de máis de 498.000 euros, “o grupo popular asimiu a necesidade de facer fronte a este préstamo participativo para garantir a viabilidade da estación de montaña”, dixo Plácido Álvarez.

Non así os grupos socialista, nacionalista e o deputado de Democracia Ourensana, “que nun exercicio de incongruencia din que non se pode poñer en risco a estación, pero logo non son quen de superar os seus prexuízos partidistas e se absteñen de apoiar ao grupo de goberno do PP para que non desaparezan as instalacións turísticas e deportivas de Manzaneda”.

Unha vez máis, afirmou Álvarez, “o PP e o goberno provincial demostraron con feitos que por riba de todo pensan en Ourense e, hoxe en concreto, nun complexo estratéxico como dinamizador económico e turístico dos concellos de Manzaneda e Trives, da comarca, da provincia e de Galicia pola súa singularidade na nosa comunidade.

O portavoz popular criticou a intrasixencia do PSOE, BNG e DO nun momento crucial para o futuro da estación de montaña, tamén afectado directamente polas restricións derivadas da pandemia, “e aínda sementando dúbidas sobre o plan de viabilidade posto en marcha por Meisa, no que a Deputación é unha parte máis do accionariado, cunha nova etapa de xestión que persegue encher Manzaneda todo o ano, con ou sen neve”.