Os deputados do PP presentan unha iniciativa parlamentaria para evitar o peche da sala do 091 en Ourense

Ante o inminente traslado do servizo á comisaría da Coruña, previsto para o 1 de marzo

Publicidade

Ana Vázquez e Celso Delgado piden a comparecencia urxente do director xeral da Policía, Francisco Pardo, na comisión de Interior do Congreso “para que explique unha decisión que só obedece única e exclusivamente a criterios económicos, pero que compromete gravemente a rápida resposta policial e a seguridade dos ourensáns”.

Emprazan aos deputados socialistas por Ourense a que defendan este servizo “como fixeron os seus compañeiros noutras provincias”.

Os deputados do Partido Popular pola provincia de Ourense, Ana Vázquez e Celso Delgado, esixen ao Goberno que dea marcha atrás na súa intención de pechar, o próximo 1 de marzo, a sala do 091 en Ourense e trasladar o servizo de atención cidadá da Policía Nacional á comisaría da Coruña, unha medida que tamén afecta á cidade de Lugo. Os representantes populares veñen de presentar unha iniciativa parlamentaria pola que piden a comparecencia urxente do director xeral da Policía, Francisco Pardo, na comisión de Interior do Congreso “para que explique unha decisión que só obedece única e exclusivamente a criterios económicos, pero que compromete gravemente a rápida resposta policial e a seguridade dos ourensáns”, advirte Ana Vázquez.

O servizo de atención cidadá do 091 na comisaría de Ourense recibe, as 24 horas do día e os 365 días do ano, ao redor de 2.000 chamadas mensuais de cidadáns ourensáns que nun tempo medio de seis segundos son atendidos por un axente, que escoitará a súa solicitude de auxilio e movilizará ás patrullas máis próximas para facer fronte á situación de emerxencia.

Non obstante, a eficacia da resposta policial baséase na proximidade e no coñecemento que teñen os axentes da súa zona de influencia, proximidade para que o tempo de reacción sexa o máis rápido posible e coñecemento exacto de cada recuncho da cidade, “porque na sala do 091 da Coruña haberá moitas rúas de Ourense que non saiban situar, aumentando o tempo de resposta e prexudicando a seguridade cidadá”, denuncia Vázquez.

Os deputados populares lembran que hai agora un ano, xunto cos deputados da provincia de Lugo, xa denunciaran a decisión do Ministerio do Interior de pechar as salas do 091 nas comisarías de ambas as dúas capitais, unha noticia que coñeceron por distintas fontes, entre elas os sindicatos policiais que tamén manteñen o seu rexeitamento á medida.

Agora, unha resolución do Goberno de 28 de decembro de 2020 establece que esta sala deixará de funcionar o día primeiro de marzo, trasladando o servizo á comisaría da Coruña, “nunha medida que obedece única e exclusivamente a criterios económicos sen ter en conta a resposta rápida e inmediata ao cidadán”.

Con todo, explica a deputada e vogal da comisión de Interior, esta non é decisión que só afecte ás dúas provincias galegas, “senón que desde xaneiro de 2020 o Ministerio do Interior ven de aprobar o peche de varias salas do 091 nas comunidades de Castela-León, Castela-A Mancha ou Estremadura, prexudicando como se pode ver ás provincias menos poboadas”. O Goberno, explica, escúdase no programa  SIRDEE, incluído polo Corpo Nacional de Policía no seu Plan Estratéxico 2013-2016, “pero que xa non está vixente e no que só figuraba o agrupamento das salas de comisarías de ámbito local nas provinciais, pero nunca pechar os servizos provinciais”.

Para os deputados ourensáns, “esta decisión deixa a Ourense cunha seguridade de segundo nivel á que nos opoñemos, polo que esiximos que se dea marcha atrás a este peche como sucedeu en Salamanca, logo da presión social”, ao tempo que emprazan aos deputados socialistas por Ourense a que “defendan este servizo como o fixeron os seus compañeiros noutras provincias”.