O Psoe de Ourense súmase ao recoñecemento do papel “clave” da muller na ciencia

A secretaría de igualdade do PSdeG-PSOE de Ourense súmase á conmemoración do Día Internacional das mulleres e as nenas na ciencia, promovido por Nacións Unidas, en recoñecemento ao papel clave que desempeñan as mulleres na comunidade científica e a tecnoloxía, que se celebra mañá día 11 de febreiro. As socialistas manifesta que a igualdade entre mulleres e homes contribuirá “decisivamente” non só ao “desenvolvemento económico do mundo”, senón tamén “ao progreso respecto de todos os obxectivos e metas da Axenda 2030 para o Desenvolvemento sostible”.

Publicidade

Para o PSdeG-PSOE de Ourense rematar coa fenda dixital de xénero “é un obxectivo primordial”, tal e como se recolle tamén no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia da Economía española. “Trátase dunha das liñas de traballo cruciais na resposta extraordinaria que o noso país pon en marcha para recuperar o benestar e darlle un impulso de longo prazo á economía”, explica a secretaria provincial de igualdade, Zaida Rodríguez.

A folla de roteiro do PSdeG para acabar coa brecha de xénero na Ciencia e a Tecnoloxía pasa por fomentar vocacións tecnolóxicas entre as máis pequenas así como por incentivar o liderado das mulleres neste sector. “Por iso, desde distintos Ministerios puxemos en marcha programas, actividades ou medidas dirixidas a este fin e dedicámoslle unha partida específica dos Orzamentos Xerais do Estado no Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital”, afirma Rodríguez.

As socialistas explican tamén que tal e como apuntou a directora de ONU Mulleres “menos do 30% de quen investiga en todo o mundo son mulleres e segundo estudos realizados, as mulleres que investigan nas STEM teñen menos publicacións e reciben unha remuneración inferior polas súas investigacións”.

A secretaría provincial de igualdade do PSdeG-PSOE de Ourense incide na “necesidade urxente” de rematar “cos tópicos que crecen escoitando as nenas”, dos que afirman que “reforzan os estereotipos e inflúen na configuración dos gustos, afinidades e nas habilidades que desenvolven”. “Para estar á altura dos desafíos do século XXI, necesitamos aproveitar todo o noso potencial e ese esforzo esixe desmontar os estereotipos de xénero“, subliña Zaida Rodríguez.

Dende a secretaría provincial de igualdade tamén destacan que para conseguir ese cambio “fai falta que elas teñan referentes inspiradores, que se vexan en todos os espazos, así non se considerarán estrañas cando cheguen, pero tamén que eles teñan referentes e que as vexan en todos os espazos, así non as considerarán estrañas cando elas estean alí”.

“Ser pioneiras debilítanos, sitúanos nunha posición moi fráxil”, afirma Zaida Rodríguez, que tamén apunta que “necesitamos que as nenas e as adolescentes non sexan pioneiras e pasen a formar parte un sistema plenamente compartido e integrado” antes de finalizar sinalando que “o futuro da ciencia é un elemento extraordinario de poder no que as mulleres teñen que estar”.