O Psdeg-Psoe continúa a súa rolda de contactos para actualizar o plan termal e aposta pola investigación para pór en valor a aplicación terapéutica das augas termais

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

O segundo dos encontros foi con María Reyes Pérez Fernández, autora dun pioneiro artigo científico sobre os beneficios da auga mineromediciñal das Burgas en pacientes con fibromialxia

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Os socialistas, que levaron unha moción ao pleno de xaneiro para actualizar o plan termal, apostan por relanzar o termalismo como proxecto prioritario para os fondos Next Generation da Unión Europea

O PSdeG-PSOE continúa a súa rolda de contactos co obxectivo de “traer ao presente” o Plan Estratéxico Termal de Ourense, en liña cos compromisos adquiridos no seu programa electoral e ante a “absoluta pasividade” do microgoberno nesta materia.

Así, despois do encontro mantido en xaneiro con Pedro Araújo Nespereira, experto en hidroxeoloxía das augas termais e Profesor Titular de Xeoloxía na facultade de Ciencias do Campus ourensán, os socialistas veñen de reunirse coa Profesora Reyes Pérez Fernández, experta en termalismo no ámbito da saúde e autora dun pioneiro artigo científico que demostra os beneficios das augas mineromediciñais das Burgas en pacientes con fibromialxia.

Nesta segunda cita, o voceiro municipal socialista, Rafa Villarino, xunto cos concelleiros da área de termalismo, Javier Rey e Rosa Martínez, conversaron con Reyes Pérez sobre os efectos terapéuticos das augas termais, así como das oportunidades futuras que brinda o seu aproveitamento.

Neste sentido, Pérez subliñou a necesidade de dotar de fondos a investigación científica no ámbito terapéutico do termalismo. “Temos que seguir facendo estudos e indagacións científicas”, puxo de manifesto, ao tempo que  defendeu a eficacia da terapia con augas termais en pacientes con patoloxías como a fibromialxia, o síndrome metabólico, as afeccións da pel e todas as enfermidades do espectro reumático, tales como a artrose.

Pola súa banda, os socialistas defenderon que a posta en valor da aplicación terapéutica das augas termais debe ser un “eixo fundamental do plan termal”. Ademais, destacaron a importancia de apostar polo termalismo como proxecto prioritario para os fondos Next Generation da Unión Europea.

Cómpre lembrar que o grupo municipal socialista presentou unha moción de consenso no último pleno do mes de xaneiro para instar ao Concello a recuperar e actualizar o plan termal da cidade, e que foi aprobada co voto en contra do grupo de DO. No texto da iniciativa, os socialistas avogan por dotar a cidade dunha “guía estable” que permita “ordenar, priorizar, temporizar e cuantificar accións, estudar o financiamento das mesmas e facer un seguimento para comprobar o seu cumprimento”.

Neste sentido, desde o grupo municipal socialista lamentan o “desinterese” de Jácome en materia de termalismo, máis alá de “ocorrencias e improvisacións” como o Parque Acuático Termal, ao tempo que esixen o “claro respaldo da Xunta de Galicia”, competente en materia de augas, co fin de evitar que “a maior riqueza da cidade caia no absoluto abandono e desaparición”.

Desde o grupo socialista adiantan que continuarán reuníndose con diferentes axentes sociais para “unir forzas a favor da posta en valor da nosa riqueza termal e xeotérmica”.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------