O Psdeg-Psoe de Ourense acusa a Feijóo de pretender darlle “un golpe definitivo” ó hospital comarcal de Verín tralo remate do proceso electoral

Os socialistas denuncian o desmantelamento dos servizos de cardioloxía e dermatoloxía, que están actualmente sen profesionais, e de traumatoloxía e pediatría que se atopan “en situación precaria”

Critican tamén a precariedade laboral “absoluta” que viven os sanitarios e lanzan unha mensaxe de apoio: “apostamos por unha Sanidade pública de calidade con contratos estables”

O PSdeG-PSOE de Ourense acusa ó presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, de pretender darlle “un golpe definitivo” ao Hospital Comarcal de Verín cando finalice o proceso electoral o 12 de xullo. Os candidatos socialistas ó Parlamento de Galicia, Juan Carlos Francisco Rivera e Marina Ortega Otero, fixeron esta reivindicación esta mañá as portas do centro sanitario verinés, onde participaron na concentración convocada pola Comisión Delegada do Hospital para denunciar a precariedade laboral que viven os sanitarios. Situación que os socialistas ourensáns denuncian, xunto co desmantelamento sanitario que se está a vivir no hospital. “Feijóo fai moita propaganda e moito marketing, pero a realidade é a do desmantelamento”.

Publicidade Premer na Imaxe

Francisco Rivera e Ortega Otero denuncian o desmantelamento de servizos claves no Hospital Comarcal de Verín. “Non hai dermatólogo, non hai cardiólogo, o servizo de traumatoloxía está en precario e  o futuro da pediatría no aire e cun futuro pouco alentador e prometedor”, sinalan os candidatos socialistas que acusan a Feijóo de querer rematar co Hospital Comarcal de Verín nun claro “exercicio de vinganza política trala vitoria acadada polo pobo de toda unha comarca” e que obrigou o presidente da Xunta a recuar e abrir novamente o paridoiro.

Os socialistas denuncian que este centro sanitario, referente de toda unha comarca, volve a estar nunha situación de “desmantelamento absoluto” e esíxenlle o líder do Partido Popular de Galicia “garantías para Verín e as súas xentes”, que pasan por apuntalar os servizos claves no hospital e rematar coa “política de recortes que o PP está levando a cabo non só en Verín, senón en toda a provincia de Ourense e tamén a nivel Galicia”.

Dende o PSdeG-PSOE de Ourense tamén se fai fincapé na precariedade laboral “absoluta” que viven os sanitarios, con contratos temporais, inestabilidade e futuro incerto, “sinais de identidade da política sanitaria do PP en Ourense e Galicia”, apuntan dende os candidatos socialistas, que tamén mandan unha mensaxe de apoio ós traballadores e ás traballadoras da sanidade pública: “O PSdeG aposta por unha sanidade pública de calidade, que se fundamente en contratos estables e que garanta que os profesionais que veñan a Verín ou a outros centros sanitarios da provincia, teñan unha estabilidade, algo que non acontece co actual modelo sanitario promovido por Núñez Feijóo e o Partido Popular”.