O PSdeG-PSOE presenta alegacións aos orzamentos da Xunta para 2027 solicitando unha dotación de 7,8 millóns de euros en investimentos para O Carballiño

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

A Agrupación Local do PSdeG-PSOE e o Grupo Municipal Socialista do Carballiño veñen de solicitar un ano máis, á Xunta de Galicia que atenda cuestións que na súa maioría xa foron reivindicadas e consideran son necesarias para o municipio. Para elo, trasladan unha serie de alegacións aos Orzamentos para 2027 presentados polo Goberno autonómico, e que supoñen un montante global de preto de 7,8 millóns de euros en investimentos para O Carballiño.

Entre as propostas dos socialistas do Carballiño destacan as labores para acometer na estrada OU-208, ó seu paso polo municipio, dende Porto de Eguas ata a Ponte de Godás. Consistirían na creación e reposición de beirarrúas e melloras no saneamento, abastecemento, iluminación e firme, ademais do reforzo da seguridade no tramo da Rúa Ribadavia, cun orzamento total solicitado de 2.100.000 euros.

Para a estrada OU-206, ao seu paso polo Carballiño dende a Rúa Compostela ata Seoane, urxen o arranxo do problema das inundacións e tamén a creación de beirarrúas entre a Uceira e Seoane, cun investimento de 1.200.000 euros.

Tamén, na estrada OU-902, ao seu paso pola parroquia carballiñesa de Madarnás, pídese a renovación e reforzo da sinalización, a mellora da seguridade -cun valado antivandálico- das vías de servizo e o acceso ó tanatorio e á igrexa, cun orzamento de 75.000 euros.

Ademais, o PSdeG-PSOE do Carballiño solicita para o edificio do CEIP Plurilingúe Calvo Sotelo melloras estructurais e de accesibilidade, a colocación dun ascensor e a creación dunha zona de lecer, para o que solicitan 320.000 euros. O Grupo Municipal Socialista tamén detectou a necesidade de realizar a renovación integral dos aseos do alumnado e profesorado do edificio da Uceira do mesmo centro de ensino, por un importe de 82.000 euros.

Finalmente, os socialistas apuntan que, “un ano máis, denunciamos o atraso na construción do novo Centro de Saúde, pero tamén a necesidade do reforzo urxente dos servizos de atención primaria, xinecoloxía, pediatría, psicoloxía e psiquiatría”.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------