O delegado territorial da Xunta supervisa as obras de rehabilitación integral do CEIP de Mariñamansa

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, achegouse esta mañá ata o CEIP de Mariñamansa para supervisar o estado das obras de rehabilitación integral do centro escolar por un valor de máis de 800.000 euros, cun prazo de execución de 5 meses, e que teñen por obxecto conseguir un menor gasto enerxético e unha mellor e máis cómoda estancia dentro del, así como a mellora das instalacións deportivas e os accesos ao edificio.

O delegado territorial explicou que esta actuación consiste no forrado da edificación con illamento térmico polo exterior; na substitución das fiestras existentes por outras con rotura de ponte térmico, incluíndo vidreira e persianas; a colocación de novo falso teito; a substitución das luminarias existentes por outras de maior eficiencia e o pintado de despachos, sala de profesores, secretaría, comedor, salón de actos, zonas comúns e aulas.

AVANTAR ACTIVIDADES

As obras contemplan tamén a colocación de novo chan vinílico antideslizante nas aulas e a instalación de novas portas en Educación especial 2-3-4 e música. Tamén se está a acondicionar a pista polideportiva, a sala de caldeiras e se reformará os exteriores do centro.

Gabriel Alén destacou que nos últimos anos a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades ten destinado a este centro escolar preto de 470.000 euros en distintas reformas de mellora, en especial a desenvolvida en 2021, cunha achega de máis de 252.000 euros para a reposición da súa cuberta.

O representante do Goberno galego salientou que todas as novas intervencións que promove a Xunta en infraestruturas escolares apostan por un modelo de centros “ao servizo da aprendizaxe e da convivencia, con espazos accesibles, saudables e cómodos nos que o alumnado poida estudar, socializar, xogar, facer deporte…”, en liña coas pautas marcadas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia.

Arquitectura ao servizo dos proxectos educativos

O Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia pivota nunha parte académica (con espazos ao servizo dos proxectos educativos, sobre todo vinculados á transformación dixital e xeradores de inclusión), nunha parte infraestrutural (con espazos máis amplos, saudables e unha maior integración coa contorna) e nunha parte de sustentabilidade acorde coas novas esixencias de eficiencia enerxética e respecto medioambiental.

No que atinxe ás infraestruturas propiamente ditas, as novas reformas, acondicionamentos e construcións seguirán unhas pautas construtivas homoxéneas, cunha identidade corporativa específica, aínda que axustada ás contornas nas que se inxiren, sexan do ámbito rural ou urbano.

A rede de centros de ensino públicos en Galicia está formada por máis de 1.000 colexios e institutos repartidos desde os concellos máis pequenos do rural (con menos de 2.000 habitantes) ata as grandes cidades. De feito, nove de cada dez concellos contan cunha infraestrutura educativa para servizo dos seus cidadáns.