O Carballiño abre ao público o cámping municipal

Foto Secundino Lorenzo

A instalación contará este ano cunha oficina de información turística

O Carballiño abrirá ao público mañá, día 16, as instalacións do cámping municipal. O entorno do cámping xa foi acondicionado nos últimos días de cara á temporada e para este ano está previsto potenciar o recinto con novas iniciativas e recursos.

AVANTAR ACTIVIDADES

O cámping do Carballiño ten nas súas pallozas o seu sinal de identidade e está integrado nunha área de recursos turísticos que integra instalacións como a zona de autocaravanas, o parque etnográfico xunto ao río Arenteiro -o conxunto de muíños que lembran como era a actividade deste tipo de instalacións e como era a vida dos muiñeiros- dous restaurantes, a antiga fábrica de papel da Lavandeira -que se está a acondicionar para acoller o Museo do papel de Galicia- ou a Pena dos Namorados. Nas proximidades tamén podemos atopar a praia fluvial xunto ao río Arenteiro e a Piscifactoría do Carballiño. Todo elo vencellado coas máis de trinta hectáreas do pulmón verde da vila, o parque municipal.

As instalacións do cámping do Carballiño teñen unha excelente valoración por parte dos usuarios das mesma, como se recolle no recente informe sobre o turismo na vila editado polo grupo de traballo do Eixo Atlántico e presentado hai uns días.

Este ano potenciarase o recinto coa instalación dunha oficina de información turística. Funcionará durante os meses de verán e para atendela contarase con personal vencellado ao sector. Na mesma ofrecerase toda a información relativa aos recursos turísticos do Carballiño e a comarca, do xeodestino no que está integrado a vila e de Galicia en xeral. Tamén se poden facer desde o cámping varias das rutas de senderismo creadas polo Concello do Carballiño.

Ao restaurante en funcionamento na zona do cámping sumarase nas próximas semanas o que foi o primeiro restaurante da zona, o Muíño das Lousas. Logo duns anos pechado o Muíño das Lousas está sendo reformado polo seu novo concesionario, a empresa propietaria do coñecido restaurante O Barazal. As previsións da mesma pasan por contar co establecemento en funcionamento na primeira quincena do mes de xullo.