A ANPA do Conservatorio do Carballiño esixe garantías documentadas sobre o radon tras o regreso ás aulas

---------------------------------------------------------------------------------------------------------
  • A asemblea acordada o 18 de novembro esixe ao Concello os informes técnicos asinados e os protocolos de ventilación ante a falta de transparencia.
  • O alumnado segue dando clase co abrigo posto e dependendo da apertura manual de xanelas en pleno inverno, mentres as aulas 8 e Dirección seguen restrinxidas.

Carballiño, 19 de novembro de 2026. – A ANPA do Conservatorio e da Escola de Música do Carballiño diríxese aos medios de comunicación para informar da situación actual respecto á problemática do radon no centro e para trasladar os acordos acadados na asemblea celebrada o pasado 18 de novembro, na que participou o equipo directivo do Conservatorio.

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Aínda que o Concello comunicou publicamente que o centro estaba «libre de radon» e que as obras de mitigación foron auditadas favorablemente polo CSIC, a comunidade educativa segue sen dispoñer dun informe técnico asinado, certificado ou resolución administrativa que acredite ditas afirmacións. Desde o regreso ao edificio o pasado 7 de abril de 2026 (tras o traslado temporal ao IES nº 1), as familias esixen transparencia.

Impacto na vida escolar e na saúde
A falta de garantías técnicas tradúcese nunha realidade diaria preocupante. A asemblea confirmou que todas as mañás se abren portas e xanelas para rebaixar o radon acumulado, e o profesorado mantén esta ventilación durante as clases. Isto provoca unha importante perda de calor, facendo que o alumnado teña que dar clase co abrigo posto.

Ademais, segue sen resolverse a situación do despacho de Dirección e da aula 8, que manteñen restricións de uso polos niveis de radon detectados, o que afecta ao funcionamento normal do centro.

Accións xa emprendidas
Ante esta situación, a ANPA xa solicitou a supervisión da Inspección Educativa e trasladou as súas peticións á Xefatura Territorial de Educación. Do mesmo xeito, solicitouse o amparo da Valedora do Pobo (expediente D.3.Q/6181/25) ante a falta de acceso ao expediente municipal 9005/2024. A Valedora xa deixou constancia de que requiriu información ao Concello en tres ocasións sen recibila, formulando un recordatorio formal de deberes legais.

Acordo da Asemblea e documentación esixida
Na asemblea do 18 de novembro acordouse incluír este asunto na orde do día do Consello Escolar (previsto para a primeira semana de decembro). Para iso, esíxese ao Concello que achegue a seguinte documentación con acceso electrónico previo á sesión:

  1. Informes técnicos asinados que xustifiquen a seguridade das instalacións.
  2. Acta de recepción das obras do Conservatorio, con todos os anexos e normas de mantemento.
  3. Control do sistema de extracción, identificando quen supervisa as sondas e os extractores, así como o protocolo ante avarías.
  4. Protocolo de ventilación con instrucións claras e compatibles co confort térmico do alumnado en inverno.
  5. Revisión da campaña de medición, asinada polo persoal técnico responsable.
  6. Documentación preventiva municipal relativa á situación do centro.
  7. Documentación sobre a reapertura: resolución administrativa ou informe de inspección que validou a volta ao edificio.

A ANPA solicita que toda esta documentación estea dispoñible cunha antelación suficiente, con todos os anexos, sinaturas verificables e o código seguro de verificación (CSV) cando proceda.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


Agradecemos aos medios o seu seguimento continuo desta problemática, que afecta directamente á seguridade e ao benestar da comunidade educativa. Para ampliar información, poden consultar as nosas redes sociais ou contactar directamente connosco.

Contacto:
ANPA do Conservatorio e da Escola de Música do Carballiño
Correo electrónico: anpacmusesmu@gmail.com
Facebook: ANPACMUSESMU

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------