Editorial: ” Chegamos as 10000 novas”

IES CHAMOSO LAMAS

Pasaron 20 meses dende que BADAL NOVAS vise luz como un novo medio de comunicación creado para que dese cobertura a este espazo xeográfico que conforman as comarcas do Carballiño e do Ribeiro, un medio que veu transformar o xeito de recibir a información sobre o acontecer cotián dos seus habitantes e para achegala ós que están fóra grazas á hoxe imprescindible internet.

Ideado como un medio de proximidade dentro dun mundo globalizado, O BADAL leva traballado dende o seu arrinque como un vehículo de transmisión de opinión e de información, no que as entrevistas, as reportaxes, o mundo dos nosos emigrantes ou as variadas colaboracións de importantes persoeiros, viñeron dar un novo aire ó mundo da comunicación comarcal. Aínda que realizado cuns recursos limitados, o constante esforzo dos seus profesionais e a progresiva mellora dos sistemas tecnolóxicos, fan de nós un medio distinto, recoñecible e, sobre todo, de confianza.

O CAMPO DA FEIRA NON SE PECHA

Neste máis dun ano de existencia, tocounos convivir coa maior das desgrazas sanitarias dende a gripe de 1918: o COVID 19. Este suceso fixo que houbese que centrarse a diario, dun xeito especial, no seu paso e incidencia centrando nel unha boa parte da actividade informativa pero, sempre, sen descoidar os outros focos de atención da información que, dende o inicio, caracterizan a este medio. Así a crónica de cada concello, os acontecementos culturais e sociais, os sucesos, os plenos municipais e outras moitas novas, couberon na grella da nosa programación cotiá.

E volvendo ó inicio, nestes vinte meses O BADAL leva aportado 10.000 novas a todas aquelas persoas que seguen a nosa actividade a diario. Unha cifra moi grande para un medio pequeno. Unhas novas que están definidas pola súa constante actualización, pola súa cercanía, pluralidade, diversidade temática e o acompañamento da imaxe.

Dez mil novas -para os amantes da estatística- nun período de 20 meses son 500 novas cada mes: un grande esforzo informativo e unha teima que pagou a pena facer e que, por descontado, seguiremos facendo.


Estes son os datos de Badal Novas despois de 20 meses

10000 novas publicadas

10000 grazas a todos