Formoso respalda as reivindicacións dos bombeiros galegos para avanzar na súa estabilización

Valentín González Formoso realizou estas declaracións tras levar a cabo hoxe un encontro coa mesa intersindical dos bombeiros, na que constitúe a primeira xuntanza que mantén un grupo político coa representación dos traballadores.

Tras esta reunión, Formoso recordou que o PSdeG “foi pioneiro” á hora cambiar o modelo de xestión do servizo de extinción de incendios nos parques  de bombeiros das provincias de A Coruña, Pontevedra e Lugo. “Trátase”, explicou, “dun servizo que foi privatizado no seu día polo PP e que fixemos voltar á realidade que a cidadanía espera: que os seus bombeiros sexan persoal público e non dependan de empresas intermediarias”.

AVANTAR ACTIVIDADES

Polo tanto, “unha vez percorrido ese camiño da man dos representantes dos traballadores e traballadoras, agora toca facer un proceso de  consolidación desas plantillas formadas por xente que dá o mellor  de si en cada intervención arriscando a súa propia vida”. “A eles e elas debémoslles condicións dignas de traballo”, proclamou.

Así, o secretario xeral do PSdeG subliñou que a sentenza do Supremo que permite incorporar ao sector público aos bombeiros que estaban a prestar eses servizos no eido privado “vén ratificar o camiño que se iniciou da man dos representantes  dos traballadores e do PSdeG nas institucións que goberna e que son titulares dos parques de bombeiros”.

Neste escenario, contrapuxo dous modelos de xestión: o do Partido Socialista e o do PP. O primeiro, no que os traballadores dos parques son empregados públicos, aplícase dende hai tres anos nas deputacións provinciais de A Coruña, Pontevedra e Lugo, en colaboración coas entidades sindicais. O segundo modelo é o que segue a levarse a cabo en Ourense, intermediado e xestionado por empresas privadas.

“É  un modelo obsoleto e case único en toda España”, afirmou antes de pedirlle ao PP que cambie ese modelo de xestión nos parques de Ourense porque “o lóxico é que os traballadores que arriscan a súa vida teñan unhas condicións de traballo dignas, seguras e fiables”. Ese tipo de servizo, ao igual que no eido sanitario ou o das forzas de seguridade, “ten que estar sempre no público, non no privado”, remarcou.

Por iso, demandou que tamén os parques desta provincia pasen a ser de xestión directa. “Este tipo de servizos”, apuntou, “non deben ser un negocio nin medirse polos seus beneficios económicos, senón que teñen procurar sempre o beneficio da cidadanía”.

Pola súa banda, Ángel Moldes, portavoz mesa intersindical bombeiros, expresou o seu agradecemento tras o primeiro encontro que manteñen cun partido político. Así, manifestou a súa satisfacción porque a postura dos socialistas galegos “concorda coa das forzas sindicais” e por que “o PSdeG entende que as sentenzas están aí para seren aplicadas”. Moldes lembrou que a sentenza do Supremo abre á vía a que o proceso de estabilización dos postos se poida facer de maneira automática e sen buscar outros mecanismos.

Desta maneira, expresou a súa confianza en que o modelo que xa se aplica dende hai tempo nas provincias de A Coruña, Pontevedra e Lugo se traslade “o máis axiña posible” aos parques da provincia de Ourense. “A previsión”, apuntou, “é que se faga durante este ano, pero aínda non hai data”. No novo escenario que se abre coa sentenza do Supremo, confiou en que nesta provincia “se modifique a figura coa que ían subrogar aos traballadores para que sexan persoal laboral fixo canto antes e de maneira automática”.