Carmen Rodríguez Dacosta do grupo socialista critica que o PP se negue a reformular o modelo das brigadas municipais para prevención e extinción de incendios

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

O grupo socialista critica que o PP se negue a reformular o modelo das brigadas municipais para prevención e extinción de incendios malia as súas eivas e os problemas que supón para os concellos galegos

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Carmen Rodríguez Dacosta incide na carga financeira e a problemáticas de xestión que supón para os concellos, que se ven obrigados a asumir competencias impropias

A deputada socialista Carmen Rodríguez Dacosta lamentou hoxe que o Partido Popular siga negándose a apoiar a reformulación das brigadas municipais para a prevención e extinción dos incendios forestais en Galicia. A parlamentaria do PSdeG defendeu hoxe unha proposición non de lei con esta demanda ante a “carga financeira” que supoñen para os concellos, ademais da “custosa problemática da súa implantación e xestión”.

Na súa intervención Carmen Rodríguez Dacosta explicou que a consellería de Medio Rural vén ofrecendo regularmente aos concellos galegos un convenio para financiar a contratación de brigadas, co que se pretende a implicación das administracións locais no operativo de loita contra o lume. Así, a financiación destes convenios é realizada con fondos europeos para labores exclusivamente de prevención, mentres que a vixilancia e extinción de incendios son financiadas pola Xunta.

Lembrou que o Grupo Socialista xa manifestou en diferentes ocasións que non comparte este modelo, “porque non se cingue á realidade do territorio galego nin á virulencia dos incendios actuais”. Así, o PSdeG insiste na necesidade dun servizo de extinción único, profesional, estable, formado e equipado con dependencia directa da Xunta.

Carmen Rodríguez Dacosta indicou que esta sería a mellor fórmula para facer fronte ás circunstancias que a consecuencia do abandono que sofre o rural galego, así como as condicións meteorolóxicas que acompañan o cambio  climático que estamos a sufrir.

Ese modelo, engadiu, debe definirse en base ás necesidades, as características especiais e condicións de cada territorio e “non á voluntariedade das corporacións municipais”, que ademais terían que asumir unha vez máis “unha competencia impropia”. A maiores, alertou de que seguen a recibir a mesma partida orzamentaria dende o ano 2016, sen que a consellería de Medio Rural tivese nin sequera en conta a subida do salario mínimo interprofesional realizada polo goberno central.

Nesta mesma liña, Carmen Rodríguez Dacosta lembrou que o informe de expertos de apoio á Comisión do Parlamento de Galicia  incidía na necesidade de reorientar as brigadas cara labores de prevención, así como reforzar a súa profesionalización.

Remarcou ademais que nestes intres a lei non contempla a fórmula de contrato temporal para tarefas de extinción, polo que as entidades locais so deberían subscribir contratos para prevención. Por iso, alertou de que mentres non haxa un cambio de modelo, os concellos corren o risco de ter que realizar contratacións de persoal fixo, “cun orzamento que xa é insuficiente para desenvolver as competencias propias e impropias que lles está a endosar a Xunta”.

Ao mesmo tempo, Rodríguez Dacosta alertou da “deficiente xestión da consellería de Medio Rural” en relación aos convenios coas entidades locais. “Estamos en abril”, subliñou, “e os concellos aínda non saben nada deles, o que supón unha ofensa”.

De feito, apuntou que o único que se sabe é que o día 8 recibiron unha circular na que se informa sobre os contratos de obra que poden subscribir en base a eses convenios. Porén, a Xunta segue sen aclarar se deben ir exclusivamente destinados a prevención e non a extinción, tal e como establece a normativa da Unión Europea, que é quen os financia.

“Curiosamente”, destacou a parlamentaria socialista, “esa comunicación produciuse tan só dous días despois de que o Grupo Socialista alertase desa circunstancia mediante unha pregunta en pleno ao conselleiro, que naquel momento parecía non saber nada sobre o asunto”.