A novena edición da ICC Week arranca este luns cunha charla arredor do desenvolvemento territorial a través da cultura

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presentará un encontro que contará coa presenza do presidente da Deputación, Manuel Baltar, o director do Museo Picasso de Málaga, José Lebrero, o director do Festival de Cine de Málaga, Juan Antonio Vigar, e a xestora cultural Cecilia Pereira

A conversa estará moderada pola xornalista cultural Marta Gómez e comezará ás 20,00 horas no Marcos Valcárcel. Será de entrada gratuíta, como o resto de actividades da Ourense ICC Week

AVANTAR ACTIVIDADES

A continuación, José María Guzmán -Cánovas, Rodrigo, Adolfo e Guzmán (CRAG) ou Cadillac- pechará a xornada inaugural cun concerto acústico

Ourense, 16 de abril de 2023.- A novena edición da Ourense ICC Week arranca mañá, luns 17 de abril, co encontro “O desenvolvemento territorial a través da cultura”. A conversa, no Centro Cultural Marcos Valcárcel (20,00 horas) será presentada polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e contará coa presenza do director do Museo Picasso de Málaga, José Lebrero; o director do Festival de Cine de Málaga e o director xerente do Teatro Cervantes de Málaga, Juan Antonio Vigar; e a xestora cultural Cecilia Pereira. A xornalista cultural Marta Gómez moderará a charla, gratuíta como o resto de actividades programadas nesta novena edición da ICC Week. 

Con este encontro, a organización da Ourense ICC Week pon o foco sobre xestión cultural e as políticas culturais como motor de desenvolvemento a través dos profesionais. José Lebrero e Juan Antonio Vigar son referentes nesta liña: o Museo Picasso e o Festival de Cine de Málaga forman parte da acción cultural que situou á esta cidade andaluza como referente no mapa estatal. Por outra banda, a xestora cultural ourensá Cecilia Pereira,  experta en arte, ten unha potente traxectoria  profesional, con fitos como ser a comisaria do Xacobeo 21-22. 

Na conversa, os ponentes explicarán a súa visión sobre a xestión cultural e como este contribúe a artellar o territorio, antes de realizar un debate arredor das ideas transversais expostas. 

Concerto acústico de José María Guzmán

Como peche da xornada inaugural, despois do encontro “O desenvolvemento territorial a través da cultura” José María Guzmán protagonizará tamén no Centro Cultural Marcos Valcárcel un concerto acústico. Guzmán ten no seu currículum bandas fundamentais como Cánovas, Rodrigo, Adolfo e Guzmán (CRAG) ou Cadillac. 

Ao longo da súa carreira, José María Guzmán ten sido cantante, produtor, guitarrista, baixista, actor en musicais e músico de estudo. Tamén colaborou en bandas sonoras e compuxo jingles publicitarios. De gran versatilidade e enormes calidades, destaca pola súa habilidade como compositor e voz inconfundible. O seu legado musical e influencia atópase ben recoñecido na escena musical actual. 

Máis de vinte propostas arredor da Intelixencia Artificial, a moda ou o audiovisual

A novena edición da Ourense ICC Week, baixo a organización da Deputación de Ourense, celebrarase dende mañá ata o domingo 23 de abril nunha ducia de localizacións da cidade e da provincia, ofrecendo ao público máis de vinte propostas para coñecer as últimas tendencias da industria e da creación cultural. 

A ICC Week presenta este ano un amplo programa de actividades que abordarán desde a perspectiva cultural aspectos tan variados como a intelixencia artificial, a ilustración, ciencia, a estrea de producións audiovisuais, música, moda, radio, o emprendemento no rural e ata os camiños de Santiago.

Toda a información da novena edición da ICC Week, na súa web https://ourenseiccweek.com/es/