O Plan de loita contra incendios forestais en Galicia incorpora melloras tecnolóxicas e organizativas neste 2022

Ilustración 1 A Xunta renovou 13 motobombas, ata chegar a uns 380 vehículos deste tipo e conta con 30 medios aéreos.

A Consellería do Medio Rural elaborou e entregou un total de 259 plans municipais antiincendios aos seus respectivos concellos, dos cales 186 xa están aprobados de forma definitiva

O Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga) está enfocado neste 2022 a reducir ó máximo posible as consecuencias ecolóxicas, económicas e sociais provocadas polos lumes. Para iso, este ano contan cun considerable abano de recursos dispoñibles, entre eles algunhas novidades.

AVANTAR ACTIVIDADES

En primeiro lugar, neste 2022 creouse o chamado Sistema estrutural de mando operativo, destinado a mellorar a organización dos dispositivos activos fronte ós incendios forestais. Este sistema consiste en liberar de tarefas secundarias ó director técnico da extinción de cada lume, reforzando o seu papel na coordinación do dispositivo, co fin de mellorar a seguridade e eficacia, e primando a xestión dos medios despregados para obter a mellor eficacia na extinción do lume.  

Outra das novidades é o incremento de novas tecnoloxías. Por unha banda, súmanse os medios xa dispoñibles ca incorporación de seis cámaras de vixilancia  con tecnoloxía de última xeración, en tres novas localizacións, sumando en total 148 unidades operativas en 74 localización. Tamén hai novidades en canto á reconstrución dos lumes, grazas ás máis de 4.000 emisoras e a posibilidade de xerar perímetros automáticos para facilitar a toma de decisión con respecto a enfocar os esforzos en puntos chave.

Ilustración 2 Dentro dos avances tecnolóxicos, os equipos contan con drons para sobrevoar o terreo e ter maior visibilidade dos terreos afectados.

Medios humanos e materiais a punto

A campaña para este ano conta cos medios similares ós de anos pasados. Máis de 7.000 persoas forman o operativo de control, defensa e extinción, contando o persoal da Xunta de Galicia e doutras administracións. En canto ós medios físicos, a Xunta renovou 13 motobombas, ata chegar a uns 380 vehículos deste tipo e conta con 30 medios aéreos. A Administración galega investirá entre este ano e o próximo preto de 19 millóns de euros nestas melloras, ca entrega de seis motobombas, 137 vehículos todo terreo, sumado a material de protección individual, motoserras, rozadoiras e outros equipos como uniformes dos 387 axentes da consellería do Medio Rural. Está previsto que nos próximos meses se fagan máis entregas de vehículos e vestimenta específica.

Con respecto á investigación dos lumes, a Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO), que naceu o pasado ano, realizou un total de 242 dilixencias, entre elas a posta a disposición xudicial de presuntos incendiarios.

Con respecto á prevención, A Xunta de Galicia destina este ano 33,1 millóns de euros, un 13% máis ca o pasado ano, para a actuación en preto de 60.000 hectáreas de terreo e 6.000 quilómetros de pistas forestais e outras vías. Tamén se prevé a construción de 111 novos puntos de auga e a mellora dos 4.750 existentes.

Ilustración 3 Entre as investimentos, prevese a construción de 111 novos puntos de auga e a mellora dos 4.750 existentes.

Nova aplicación de formación

O Pladiga 2022 conta con melloras na modernización dos centros de coordinación, tanto o central de Santiago como o da provincia de Ourense. Na formación, creouse unha nova aplicación que ofrece un repositorio multimedia con cursos e material dirixido ó persoal. Está dividido de tal xeito que facilita a navegación por categorías e perfís profesionais para cada posto concreto. Ata o ano 2024 segue activo o plan de formación, que ofrece 29 cursos para persoal de servizo pero tamén para poboación en xeral.

Ademais, durante o mes de xuño, tiveron lugar unha serie de encontros nas parroquias de alta actividade incendiaria, co fin de concienciar e sensibilizar á poboación destas zonas sobre as consecuencias dos lumes en todos os ámbitos e como poden evitarse.

Zonas de alta actividade incendiaria e plans municipais antiincendios

O Pladiga 2022 identifica a un total de 35 parroquias de alta actividade incendiaria, mesma cifra ca o pasado ano pero repetindo 31 delas. Deste xeito, outras catro, deixan de estar na listaxe de risco: Ribasieira, (Porto do Son), Covas (San Cristovo de Cea), Soutipedre (Manzaneda) e A Ponte (A Veiga. E ademais, outras catro entran na listaxe: Meiraos (Folgoso do Courel), A Gudiña (A Gudiña), O Pereiro (A Mezquita) e Calvos (Calvos de Randín).

A pesar de que os concellos restantes non presentan un alto risco, a Xunta de Galicia elaborou un total de 259 plans municipais antiincendios para este mesmo número de concellos, dos cales 186 xa foron aprobados. Isto supón que nos últimos tres anos, o 75% dos municipios galegos contan cun plan de actuación, cando antes non existía ningún. A Xunta asumiu esta responsabilidade co fin de facilitar a labor ós concellos, pola dificultade técnica que supoñía para eles. A consellería remite un borrador que debe ser analizado polo goberno municipal, e unha vez dado o visto bo, deberá ser aprobado en pleno de xeito definitivo.

Ilustración 4 Con respecto á prevención, a Xunta de Galicia destinará este ano 33,1 millóns de euros, un 13% máis ca o pasado ano, para a actuación en preto de 60.000 hectáreas de terreo e 6.000 quilómetros de pistas forestais e outras vías.