Historias do Carballiño: Dario Cela

Xulio Álvarez Crespo Biólogo e ex-docente

O tempo pasa, coma se follas dun diario ou dun libro se tratase. Nesas follas atópanse escritas as historias que foron acontecendo. En ocasións estes relatos chegan a un inesperadamente, e a partir deles reconstruímos o pasado que nos permitirá coñecer mellor o presente, e quen sabe se tamén o futuro.

Hoxe imos falar de Darío Cela personaxe interesante pola súa actividade artística vinculada ao Carballiño.

PUBLICIDADE ELECTORAL

(Carballiño, ano 1920. Óleo de Darío Cela. Restaurado no ano 1996 por Antonio Cela)

A imaxe deste óleo chegou a min a través dun amigo da mocidade: Antonio Cela Portugal (Toñín para os que o coñecemos desde sempre), neto do pintor. No óleo identificamos o pombal dos Fariñas e os cipreses; a carón deles, a finca da carballeira e o camiño dos carboeiros, todo no lado esquerdo da pintura.

Observamos ademais a avenida Xulio Rodríguez Soto. No centro, a praza dos Irmáns Prieto, o campanario e a casa de don Perfectino. Cara á dereita do cadro, a torre da igrexa vella. Destaca tamén unha casa cunha fermosa galería. Parece ser que o cadro se pintou desde a «Finca das Táboas», propiedade da familia do autor, onde actualmente está situado o edificio As Táboas.


(Pombal e cipreses. Fotografía propiedade dos herdeiros de Hipólito Rodríguez)

————————————————————————————————-

A autoría do cadro corresponde a Darío Cela Corral (nado no 1868 e falecido arredor do ano 1935). Casado con Laura Castro Listanco, tiveron dous fillos: Eduardo e Ramona Camila Cela Castro.

Segundo me conta Toñín, o cadro estaba enrolado no faiado da casa dos seus pais. O deterioro do cadro era considerable. Finalmente foi restaurado nun taller de Sant Cugat, en Barcelona.

A partir de observar o cadro e de conversar na distancia , deunos por iniciar unha serie de artigos sobre historias e persoeiros do Carballiño, que cando menos se nos antollan entrañables.

Para situarnos na familia Cela diremos que:

Eduardo Cela casou con María del Socorro Portugal, os dous coñecidos mestres. Exerceron primeiro e durante máis de 20 anos na escola de Señorín, despois no antigo grupo escolar e, finalmente, no centro da Uceira, onde rematou a súa vida profesional, caracterizada pola vocación polo ensino e a preocupación porque as rapazas e rapaces tivesen un futuro mellor. D. Eduardo e D.ª Socorrito tiveron como descendencia a Laura e Antonio Cela Portugal.

Ramona Cela, Ramonita, casou con Manuel Martínez Doval, tamén recoñecido mestre do grupo escolar e “empresario” dos xa desaparecidos cinemas Alameda e Reque, nos que asistimos a tantas e tantas horas de proxeccións na nosa infancia e mesmo na mocidade. Descendentes do matrimonio foron Ánxel Darío, Laura e Manuel Antonio (Toto).

Volvendo á figura do pai de Eduardo e Ramonita, o personaxe de Darío Cela antóllasenos cando menos interesante. Home de forte carácter e de moitas rarezas. Viviu de rendas e cultivou na maior parte do seu tempo a arte da pintura. Mesmo obtivo unha bolsa para ir a Florencia e tamén iniciou os estudos de belas artes. Pintou bodegóns, paisaxes e, fundamentalmente, retratos.



(Dous homes descansando na colleita das patacas. Óleo sobre folla de lata. Propiedade de Antonio Cela Portugal. Autoría do seu avó Darío Cela)


(Catro homes do Carballiño. Óleo sobre lenzo. Pintura propiedade dos herdeiros de Ramonita Cela. Autoría: Darío Cela)

Chaman a nosa atención os cadros de personaxes daqueles anos no Carballiño e, especialmente, o seguinte retrato na estrada de Ribadavia, camiño do cemiterio de Señorín.


(Aquí pódese ver a Laura Castro, nai de Eduardo Cela, xunto coa familia Arocas. Todos eles con vestimenta tradicional galega. Celebración festiva cerca do Torrón. Óleo sobre lenzo. Pintura propiedade de Antonio Cela. Autoría do seu avó Darío Cela)

Outros cadros que hoxe aínda se conservan son os dous seguintes:


(Dous homes xogando ao tute. Óleo sobre folla de lata. Propiedade de Antonio Cela Portugal. Autoría do seu avó Darío Cela. Aínda que o paso do tempo e a mala conservación non perdoan)

(Bodegón. Óleo sobre lenzo. Pintura propiedade de Laura Cela. Autoría do seu avó Darío Cela)

Polas conversas de Eduardo Cela co seu fillo Antonio, sabemos que da autoría de Darío Cela son multitude de cadros cuxo paradoiro se descoñece a día de hoxe. Mesmo falaba dunha crise familiar que seica provocou a perda de mais de douscentos cadros. Da autoría deste home son tamén as pinturas na bóveda do balneario do Carballiño sobre as catro estacións, hoxe tristemente ocultas ou desaparecidas.

Das orixes dos Cela sabemos que son oriúndos de Lugo, descendentes da casa Meizarán e dos Pombos-Pereiras dos partidos de Becerreá e A Fonsagrada. Así o refire o premio Nobel Camilo José Cela nunhas memorias publicadas en folletín no Correo Literario, baixo o titulo «La Cucaña».

Mais o estudo da xenealoxía dos Cela e dos camiños que percorreron para chegar até as terras do Orcellón ben podería dar para futuros relatos.

Por hoxe máis nada. Moito obrigado pola vosa atención.

Outros ARTIGOS de Xulio Álvarez Crespo:

SERIE SOBRE MEDIO AMBIENTE

Artigo : Medio Ambiente: O Noso Compromiso “

Artigo : Medio Ambiente: Pasado, Presente e Futuro

Artigo : Medio Ambiente: O Noso Compromiso. Recollida (1)

Artigo : Medio Ambiente: O Noso Compromiso. Recollida (2): A Vila do Carballiño “

Artigo : ” Medio ambiente : O Noso Compromiso. Reducir e Reutilizar “

Artigo : MEDIO AMBIENTE: O NOSO COMPROMISO. coronavirus e xestión de refugallos

Artigo : “ MEDIO AMBIENTE: O NOSO COMPROMISO. Xestión dos refugallos: Vertedoiros

Artigo : ” MEDIO AMBIENTE: O NOSO COMPROMISO. Xestión dos refugallos: Incineración

Artigo : ” MEDIO AMBIENTE: O NOSO COMPROMISO. Xestión dos refugallos: Reciclaxe e compostaxe

Artigo : ” MEDIO AMBIENTE: O NOSO COMPROMISO Como construír unha composteira e como facer o noso compost “

Artigo : “MEDIO AMBIENTE: O NOSO COMPROMISO. Xestión dos refugallos. Reciclaxe: un mundo posíbel