Cantádeme un Maio

Cantádeme un Maio volve facer un chamamento a celebrar a Festa dos Maios, compoñendo maios e/ou coplas, enchendo as redes de primavera e cultura, e sempre que a situación o permita -exhibindo as nosas propostas na rúa- nalgún momento da xornada do 2 de maio.

A iniciativa, xurdida o ano pasado en plena pandemia como unha resposta popular e efémera para podermos celebrar o Maio na situación difícil que estabamos vivindo, volve a activarse neste 2021 diante da triste cancelación por parte do concello de Ourense, que renuncia un ano máis a un elemento fundamental do noso ciclo festivo e da nosa identidade como é a festa dos Maios.

AVANTAR ACTIVIDADES

Por outra parte, e se somos capaces de adornar as nosas casas no Nadal, non hai mellor ocasión que unha festa tan nosa e tan arraigada no noso acervo cultural para engalanar as nosas portas, xanelas ou balcóns con maias ou con elementos que celebren o Maio

A proposta deste ano volve consistir en compartir nas redes sociais fotos e videos de maios e de coplas empregando o cancelo #CantádemeUnMaio (ou enviando os arquivos por correo-e a osmaiosdeourense@gmail.com), coa particularidade de que -neste ano- gustaríanos ver ao Maio na rúa, aínda que sexa por uns momentos.

Ademais, nesta ocasión, tamén tentamos iniciar un “diálogo” con outros elementos da nosa Cultura. Neste senso, recibimos a colaboración da canle gastronómica “con cuatro manos” para imaxinarmos “a que sabe o Maio” e tamén contamos coa participación de músicas e músicos da cidade, que reinterpretarán a melodía das coplas dos Maios de Ourense. Esta última intervención terá lugar o propio domingo 2 ás 18 h. na canle de youtube

da campaña, co título “como soa o maio” e nela participarán: Ico Rafael, Fernando de Vicente, Juan Manuel Vázquez, Raquel Pato, Alfonso Aydillo, Raquel Aydillo, Juanjo Rodicio, o Coro Universitario do Campus de Ourense co Gonzalo Abelairas e o Espazo de danza do Campus de Ourense.