Xulio Álvarez Crespo Biólogo e docente
————————————————————————————————
Artigo 1 : ” Medio Ambiente: O Noso Compromiso “
Cando falamos dos residuos urbanos (RU) e da problemática derivada do seu tratamento, dicimos que a solución pasa pola aplicación da chamada regra “dos tres erres” (3Rs).
Tentemos, antes de nada, definir do xeito máis idóneo unha serie de conceptos que nos serán de gran valía para o texto presente e para outros que están por vir.
Residuo ou refugallo é a substancia ou materia destinada ao abandono resultante dun proceso de fabricación, transformación, utilización, consumo ou limpeza. Os refugallos son de moi diversos tipos. Existe un amplo abano segundo o sector de orixe: sanitario, industrial, químico, agrícola, comercial, da construción, doméstico, limpeza do contorno, etcétera.
Se a aposta e o noso compromiso é respectarmos, coidarmos e mellorarmos o medio ambiente no marco do desenvolvemento sostible, é dicir, un “desenvolvemento que satisfaga as necesidades da xeración presente, sen comprometer a capacidade das xeracións futuras para satisfaceren as súas propias necesidades” (así definido no chamado “Relatorio Brundtland” de 1987), insistimos na idea de que a solución para lograr unha xestión integral dos refugallos pasa polos “tres R”. Así pois:

Reducir: a cantidade de residuos xerados nunha sociedade con índices de consumo cada vez máis alarmantes. Como? Satisfacendo as necesidades e obviando o innecesario.
Reutilizar: moitos produtos que podemos usar de novo antes de os converter en refugallo.
Reciclar: aqueles produtos (vidro, cartón e papel, plásticos, etc.) susceptibles de seren tratados para, tomados como materia prima, obter produtos novos a partir deles.
Mais eu, particularmente, engadiría un cuarto R: o de recollida, isto é, a selección e clasificación dos refugallos e o seu posterior almacenamento.
Pensar globalmente, actuar localmente
Agora que tanto se fala da mudanza do clima, da desertización do planeta, da contaminación atmosférica e dos mares, talvez fose boa cousa encararmos os problemas medioambientais dende a nosa contorna máis inmediata.
Sempre que nos concellos existan infraestruturas para a recollida selectiva do RU, os cidadáns temos a obriga legal e cívica de respectar as normas establecidas e contribuír co noso compromiso diario cara o ambiente. A aposta: harmonizar a vida cotiá dos veciños co ambiente. En definitiva, unha vila máis natural e cunha maior calidade de vida.
Dende hoxe e en futuros textos, iremos tratando pouco a pouco o porqué das cousas, que podemos facer os cidadáns de a pé ao respecto e, como non, algo moi importante: cal é o papel que deben desenvolver as autoridades responsables de presentar os proxectos medioambientais necesarios e de actuar como motor para o seu desenvolvemento.
Obrigado e ata a próxima.