Marina Ortega do grupo socialista proponlle á Xunta que aplique a gratuidade das prazas infantís de 0 a 3 dende xaneiro

Marina Ortega reclámalle á Xunta que defina o método de execución da medida en coordinación coas escolas infantís a súa posta en marcha

A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Marina Ortega, propúxolle hoxe á Xunta que “orzamente e execute a gratuidade do total de prazas nas escolas infantís de 0 a 3 anos dende xaneiro de 2022”. Ortega presentou unha proposición non de Lei neste sentido no Pleno do Parlamento de hoxe, pero que será votada na sesión de mañá.

AVANTAR ACTIVIDADES

Reclamoulle ao PP e ao goberno galego que “definan como van executar o proceso e inicien canto antes” a posta en marcha dunha medida que fora anunciada polo presidente da Xunta no último debate do Estado da Autonomía, pero que pretende adiar ata o próximo curso. Advertiu que “non se pode anunciar unha cuestión tan importante para o día a día das familias, sinaladamente para a conciliación laboral das mulleres, e pretender desaparecer ata setembro e 2022”.

A responsable socialista propón que a medida “se materialice a partir deste novo ano 2022, que para iso a anunciaron, non sexa que logo lles acusen de vender fume”. Esixiu que a poñan en marcha ademais “en coordinación cos axentes implicados, e por suposto con toda a nosa colaboración para executalo da mellor forma, a través do diálogo cos axentes implicados e a escoita activa da cidadanía”.

Marina Ortega esixiulle á Xunta que “dea a cara coas escolas infantís e coa cidadanía susceptible de beneficiarse da medida, aportando información de xeito rigoroso”, definindo “cuestións fundamentais, como saber se prefiren dar subvención ás escolas infantís e non directamente ás familias beneficiarias”. Advertiu de que “traballar pola conciliación debe ir aparellada si ou si de recursos”, mentres a Xunta “fai o contrario e baixa a partida orzamentaria específica”.

Advertiu que “non pode ser que o presidente do goberno galego lance titulares en tódolos medios coa noticia cando non está nin tan sequera definido o procedemento”. Lamentou que o presidente da Xunta teña levado á práctica os seus 4 modus operandi: “o método eu invito e ti pagas, o de ti solta a exclusiva e logo xa veremos, o de asubiar cando a oposición reclama información, e finalmente o de que o bo grazas a min, o malo a ti contra o goberno central”.

Criticou neste sentido que o Goberno galego obrigue ás escolas infantís a enviarlles unha carta aos pais especificando a factura da gardería que non pagan engadindo o lema “cen por cen subvencionado pola Xunta de Galicia”, obviando as partidas que reciben do Estado. Lembrou que a finais de 2022 Galicia recibirá máis de 17 millóns de euros para prazas de educación infantil, 2 para libros de texto, máis de 133 para bolsas e máis de 113 para accións e formación profesional.

Denunciou a súa “osadía para confundir á opinión pública”, atribuíndose os logros compartidos e derivando a responsabilidade no goberno cos fracasos derivados da incompetencia da Xunta, branqueando as execucións orzamentarias para asumir medidas que son un logro dos esforzos de tódalas administracións. Apelou así a que a Delegación do Goberno ten anunciado que o Estado investirá 34,8 millóns do plan de recuperación para crear 3.417 prazas públicas en Galicia.


Proposición non de lei

O Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, por iniciativa da súa
deputada e deputado, Marina Ortega Otero, Luis Álvarez Martínez, Noa
Díaz Varela e Julio Torrado Quintela, a través do seu portavoz, e ao abeiro do
disposto no artigo 160 do Regulamento da Cámara, presentan ante esa Mesa a
seguinte Proposición non de lei para o seu debate en Pleno.

O pasado pleno do debate da autonomía no Parlamento de Galicia, o presidente
galego, Alberto Núñez Feijóo anunciaba a gratuidade das prazas nas escolas
infantís de 0 a 3 anos.
O Grupo Socialista apoia toda medida de conciliación, como sempre
reivindicamos, pero consideramos que sería urxente reverter os recortes na
partida orzamentaria específica de corresponsabilidade. É fundamental coordinar
toda medida de conciliación coa perspectiva de corresponsabilidade.
Dende o Grupo Parlamentario Socialista consideramos de vital importancia a
universalidade da etapa educativa 0 a 3 anos e así o defendemos. Baixo esta
premisa, e tendo en conta que a medida que anuncia o presidente galego ven
argumentada como discriminación positiva a unha das CCAA que máis precisa
de medidas para o reto demográfico, consideramos que ten ser fundamentada o
antes posible. Polo que dende o grupo socialista instamos ao goberno galego a
que execute a gratuidade das prazas nas escolas infantís dende xaneiro de 2022.
Hai que ter en conta ademais que dende o Ministerio de Educación e Formación
Profesional estase a facer unha aposta moi importante de recursos nun momento
de reconstrución sen precedentes. Unha das claves da reconstrución,
indudablemente é o incremento do emprego, que é directamente proporcional á
conciliación familiar.
É moi importante saber investir o maior incremento de recursos que chegaron do
Estado e de Europa, pero tamén facelo en tempo. A reconstrución do noso país,
tras unha crise socio económica sen precedentes motivada pola pandemia,
dependerá non só dos recursos que se invistan, senón do momento no que se
executen os mesmos.


Polo exposto, o Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia presenta a
seguinte Proposición non de lei:
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a que orzamente e execute a
gratuidade do total de prazas nas escolas infantís de 0 a 3 anos dende xaneiro de
2022.