O BNG pide no Parlamento galego que a Xunta de Galiza incremente a súa actividade cultural na cidade de Ourense para paliar o desmantelamento promovido desde o concello

Os nacionalistas queren saber se a Xunta de Galiza ten previsto levar a cabo algún tipo de iniciativa para paliar ou mitigar a inactividade e peche de espazos de creación e exhibición artística e cultural derivados das decisións do Concello de Ourense

Publicidade

O Grupo parlamentar do BNG no Parlamento galego ven de rexistrar varias iniciativas reclamándolle á Xunta de Galiza incrementar a súa actividade e programación cultural na cidade de Ourense de xeito que contribúa a paliar o desmantelamento promovido polo actual alcalde Gonzálo P. Jácome, quen propón o cambio de usos da Sala Valente, o traslado do Museo Municipal para transformalo nun edifico administrativo ou mesmo renunciando a elaborar a programación cultural do primeiro trimentre do ano.

Lembran os nacionalistas que ningunha das decisións mencionadas ten a súa “xustificación” en razóns sanitarias, xa que, pese a que sen dúbida o prioritario é a adopción de medidas preventivas que impidan ou limiten as posibilidades de transmisión do virus, consonte a información publicada,  os cines, teatros, ou museos, non semellan ser lugares nos que se estea a producir un relevante número de contaxios. Non, á razón non é sanitaria, que podería ser discutible e entendible, senón de política “anti-cultural”.

Para o BNG resulta particularmente ferinte que sexa na cidade outrora cerne da actividade de creación intelectual e artística do país a que está a sufrir con inusitada crueza unha drástica eliminación dos espazos de exhibición das expresións culturais, coa agravante de que ven coincidir co centenario do inicio da actividade dunha das expresións culturais máis senlleiras da historia de Galiza, como foi a fundación da Revista Nós.

É por iso que desde o Grupo Parlamentar no Pazo do Hórreo, o BNG ven de rexistrar unha Proposición Non de Lei para o seu debate e aprobación en Pleno no que piden que a Xunta de Galiza aplique un principio de discriminación positiva que, atendidas as circunstancias existentes, potencie á cidade de Ourense na programación cultural da propia Xunta.

Outra das reivindicacións basease na ampliación do número de espazos de creación, difusión e exhibición cultural que permitan, dentro das circunstancias sanitarias, económicas e sociais que procedan, e sempre coa prevención máxima aconsellábel, o mantemento da actividade cultural en Ourense

A todo o anterior hai que engadir que os parlamentarios do BNG tamén preguntarán á Xunta polas  accións que ten previsto desenvolver en Ourense para paliar a inactividade e peche de espazos de creación e exhibición artística e cultural derivado das decisións do Concello de Ourense, así como a valoración que se fai desde o executivo galego a respeito da decisión do Concello de Ourense de pechar e  trasladar o Museo Municipal, a Sala Valente así como da cancelación da programación do Auditorio Municipal.