O grupo socialista alerta de que o goberno de Jácome suprimirá as actividades de conciliación nos centros cívicos e as subvención de concorrencia competitiva ás entidades sociais de Ourense

O executivo local confirmou tamén, nas Xuntas de Área que tiveron lugar esta mañá, que as asignacións ás asociacións pasarán a ser nominativas e que as empregadas e empregadosdo programa post-COVID rematarán o seu contrato na primeira quincena de maio

Para organizar festas non falta tempo nin partidas orzamentarias, pero para atender ás persoas que máis o precisan sempre faltan cartos públicos, sensibilidade e empatía do goberno de Jácome”, sinalou a portavoz, Natalia González Benéitez

AVANTAR ACTIVIDADES

O grupo municipal socialista vén de confirmar, nas Xuntas de Área que tiveron lugar esta mañá, que o goberno de Gonzalo Pérez Jácome continúa co desmantelamento do benestar social do Concello de Ourense logo de preguntar a súa portavoz, Natalia González Benéitez, se este verán haberá actividades de conciliación nos centros cívicos da cidade e responder o executivo que non.

As e os edís do PSdeG levaron á sesión plenaria do mes de marzo unha moción para garantir a continuidade de ditos programas nestes espazos públicos ata o remate do curso 2023/2024. Mais tamén se instaba ao goberno de Democracia Orensana a ampliar o orzamento destinado e a oferta de prazas e actividades durante todo o ano (período lectivo e non lectivo como verán, Semana Santa ou Nadal). O texto foi aprobado co respaldo de toda a oposición.

“En agosto presentamos outra iniciativa co mesmo obxectivo e para poñer en marcha e supervisar o correcto e pleno funcionamento para este curso do programa Educocio, reabrir a Ludoteca de As Lagoas, iniciar un programa piloto de canguraxe para familias e constituir, dunha vez por todas, a mesa de traballo municipal para a redacción e aprobación dun pacto local pola Conciliación Laboral e Familiar no Concello de Ourense”, lembra a socialista. “Nada se fixo por recuperar ou ampliar uns servizos imprescindibles para tantas familias da cidade”, engadiu.

Tamén afirmou o executivo nas Xuntas de Área que se suprimirán as subvencións de concorrencia competitiva e as axudas ao terceiro sector (asociacións e entidades sen ánimo de lucro) para colaborar a través de asignacións nominativas, logo de quedar patente o ano pasado que as contías destinadas resultaban insuficientes para dar cobertura ás entidades que as reclamaban e cumprían con todos os requisitos.

Outro dos recortes anunciados esta mañá foi o despido das empregadas e empregados do programa post-COVID, cuxos contratos rematan na primeira quincena de maio, e para os que non haberá prolongación, pese a saturación das áreas que reforzaron como as UNIS (Unidade Interdisciplinar de Intervención Social nas que se tramitan prestacións sociais).

Logo de ver o acontecido co Comedor sobre Rodas e que as 58 persoas adscritas ao mesmo permanecen sen servizo, despois de pecharse de xeito abrupto sen dar alternativa ata que a Xunta os inclua en Xantar na Casa, o grupo municipal socialista preguntou que se está a facer para que o Servizo de Axuda no Fogar non entre en precario no mes de novembro, tal e como lembrou Natalia González no último pleno ordinario de abril. A concelleira de Benestar Social, Ana Nieto, respondeu que a licitación deste programa se está a supervisar directamente dende Alcaldía.

“Para organizar festas non falta tempo nin partidas orzamentarias, pero para atender ás persoas que máis o precisan sempre faltan cartos públicos, sensibilidade e empatía do goberno de Jácome”, rematou a tamén secretaria xeral do PSdeG en Ourense.

Nesta liña, incidiu que todo se debe a unha ausencia absoluta de vontade e de traballo trala confirmación, ademais, de que non se convocará ningún consello municipal das áreas de servizos sociais e saúde, nin se levará adiante o plan de infancia e adolescencia do Concello.