O Psdeg reclama ao concello de Pereiro de Aguiar o arranxo inmediato da estrada de Sabadelle

O PSdeG-PSOE reclama ao Concello de Pereiro de Aguiar o “inmediato arranxo” da estrada de Sabadelle entre Os Cotos e O Herbedal ante o “deplorable estado” que presenta, unha situación que xa motivou unha intervención de urxencia executada polos propios veciños e veciñas da contorna. Os e as socialistas critican unha “perigosa situación” que está a provocar un “tránsito de vehículos dificultoso”, poñendo en risco aos usuarios e usuarias desta vía, debido as grandes fochancas e ao pésimo estado de conservación xeral do firme.

“Unha actuación integral na capa de rodadura, permitiría mellorar moito a seguridade e a confortabilidade dos condutores e condutoras, pero tamén de toda a veciñanza que emprega esta vía”, sinalan desde o PSdeG-PSOE e por iso esixen ao goberno local que “proceda a realizar as“labores de mantemento oportunas canto antes”, co fin de acadar un “estado óptimo”.

AVANTAR ACTIVIDADES

Desde o grupo municipal socialista insisten en que a estrada está “en pésimas condicións desde hai anos”, con “numerosos buracos, fochancas, grava e pedras soltas”. “Nalgúns puntos mesmo está levantada por mor dos piñeiros ubicados nas fincas colindantes”, resaltan. Os veciños e veciñas levan anos solicitando ao Concello de Pereiro un arranxo moi necesario, sen que se lles dera solución algunha polo de agora.

Ante esta falta de resposta, a veciñanza afectada vén de proceder ao recheo dos buracos en peor estado coas súas propias mans, xa que “a situación tornouse insostible”. “Hai uns días parchearon as fochancas máis perigosas cos seus propios medios, mercando do seu peto o material necesario, principalmente cemento e grava”, denuncian desde o PSOE.

A situación na que se atopa a vía entre Os Cotos e O Herbedal está a provocar “avultados danos económicos” a algúns veciños e veciñas, xa que “deben pasar polo taller mecánico con frecuencia”, xa que, nalgúns casos, realizan este traxecto ata en catro ocasións diarias.

“O goberno municipal debe preocuparse pola correcta conservación de todas as vías do seu territorio, incluso das que non son da súa titularidade e non o está a facer”, conclúen desde o PSdeG-PSOE.