Ourense celebra a XI Gala contra o Cancro o sábado 28 de novembro

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

A XI Gala contra o Cancro de Ourense celebrarase o sábado 28 de novembro ás 20.30 h no Auditorio Municipal de Ourense. O evento foi presentado este xoves 19 de novembro ás 13.30 h na sede da AECC Ourense, nunha rolda de prensa na que interviñeron David Rodríguez, organizador do evento, e Germán Rodríguez-Sáa López, presidente da Asociación Española contra o Cancro en Ourense.

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

A gala, que cumpre once edicións, volve ao Auditorio Municipal despois de dez convocatorias nas que se recadaron máis de 60.000 euros. O cartel musical combina distintos estilos e xeracións, coas actuacións de Eladio y los Seres Queridos, The Tetas’ Van, Javi Maneiro, Dulzaro, Yoly Saa e Only You. A presentación correrá a cargo de Raquel Nogueira e Antía Vidal.

Durante a presentación, Germán Rodríguez-Sáa agradeceu á Asociación Cultural As Canellas facer posible esta undécima edición e destacou “a enorme solidariedade da sociedade ourensá e o seu compromiso coas persoas que conviven coa enfermidade”. Pola súa banda, David Rodríguez subliñou que se trata dun “proxecto que medrou grazas ao esforzo colectivo, á ilusión e á colaboración de tantas persoas” e animou a participar nunha noite para “desfrutar da música e dos espectáculos, pero tamén para reflexionar sobre a importancia da prevención, da investigación e do apoio ás persoas que conviven coa enfermidade”.

As entradas teñen un prezo de 10 euros e están dispoñibles en Ataquilla.com. Na sede da AECC Ourense pódense adquirir 150 entradas, sendo o único punto de venda físico; o resto estarán á venda en liña, xunto coa fila cero. As doazóns da fila cero poden realizarse no número de conta ES2120805259063040054009 (ABANCA), a nome da Asociación Cultural As Canellas.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


O evento está organizado pola Asociación Cultural As Canellas, producido por Aufoteza Producións e Abella Creativa e a favor da Asociación Española contra o Cancro. Conta co apoio institucional do Concello de Ourense, Auditorio Municipal de Ourense, Deputación de Ourense e Xunta de Galicia, así como co patrocinio de Clínica Dental Parracía, Grupo Cuevas, NH Ourense, Carnes Parente e Pérez Rumbao, e a colaboración de Only You Fitness Center, 20 de Vyrras, Aleuto Medios Digitales, Martínez Estilistas, OSI Gourmet, Coren e Agapé Restaurante.

Máis información: galacontraocancro@gmail.com – 676 573 608 (David).

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------