Luis Menor agradece o traballo desenvolvido por Aixiña e ratifica que a colaboración da Deputación seguirá sendo “total e absoluta para que continúe co seu enorme labor social”

O presidente provincial, Luis Menor, mantivo un encontro de traballo coa presidenta e o xerente de Aixiña, “unha institución con máis de 370 persoas vinculadas, e un centro especial de emprego con 120 persoas, cifra que non é fácil de alcanzar, sendo datos que de por sí xa amosan a importancia desta entidade, exemplo de institución do que a provincia de Ourense pode presumir” 

AVANTAR ACTIVIDADES

A presidenta de Aixiña, Olga Cuña, agradeceu “a colaboración que sempre nos brindou a Deputación para axudarnos a continuar co noso día a día e a demostrar que se a sociedade está preparada, nós levamos moito tempo preparados  

Ourense, 5 de xaneiro de 2024.-  O presidente provincial, Luis Menor, recibiu esta mañá á presidenta e ao xerente de Aixiña, Olga Cuña e Xan Xosé Xardón, respectivamente. Nesta visita institucional, os máximos representantes de Aixiña explicáronlle a Menor o traballo que desenvolve esta entidade e convidaron ao presidente provincial a coñecer as súas instalacións. 

Luis Menor agradeceu expresamente o traballo desenvolvido por Aixiña e ratificou que a colaboración da Deputación “seguirá sendo total e absoluta para que continúe co seu enorme labor social e asistencial”. De feito, Menor puxo en valor cifras que amosan a dimensión desta institución, con máis de 370 persoas vinculadas (usuarios, socios, traballadores, etc) e un centro especial de emprego con 120 persoas, “cifra que non é fácil de alcanzar na nosa provincia, sendo datos que de por si xa amosan a importancia desta entidade”. “Desde logo, Aixiña é un exemplo de institución do que a provincia de Ourense pode presumir”. 

A presidenta de Aixiña, Olga Cuña, agradeceu “a colaboración que sempre nos brindou a Deputación para axudarnos a continuar co noso día a día e a demostrar que se a sociedade está preparada, nós levamos moito tempo preparados”.