MEDIO AMBIENTE: O NOSO COMPROMISO. Xestión dos refugallos: Vertedoiros

Xulio Álvarez Crespo Biólogo e docente

Artigo : “MEDIO AMBIENTE: O NOSO COMPROMISO. Xestión dos refugallos: Vertedoiros ”

AVANTAR ACTIVIDADES

Até o de agora falamos da recollida, de reducir e reutilizar. Toca pois entrar na xestión dos diversos tipos de refugallos. Existe unha gran variedade, en función da orixe ou sector da actividade que xera o refugallo: residuos agrícolas, forestais e gandeiros, residuos de industrias radioactivas, sólidos domésticos, residuos sanitarios, produtos químicos, pinturas, materia orgánica, etcétera. A partir disto pódese concluír que a xestión é ardua e moi complexa.

Os refugallos poden ser abandonados, como acontece nos vertedoiros incontrolados e controlados, ou eliminados mediante a incineración ou transformados, como é o caso da compostaxe de materia orgánica e da reciclaxe de papel, cartón, latas, vidro, pilas e baterías, tetrabriks ou metais.

Na xestión dos refugallos pódese distinguir unha serie de etapas: recollida, almacenamento, transporte, valorización, eliminación e, como non, a reciclaxe. Unha vez que os refugallos son recollidos de xeito selectivo, transpórtanse a ecoplantas, isto é, instalacións onde se efectúa a trasfega de residuos a colectores de grande capacidade. Na ecoplanta non hai nin manipulación, nin tratamento, nin almacenamento. Desde estas ecoplantas os refugallos son levados a outras plantas de clasificación e tratamento. No que concirne á etapa de valorización, debemos distinguir entre valorización enerxética, na que a través da incineración dos residuos se obtén enerxía,  e valorización de materiais sólidos, na que se obtén materia prima a través da reciclaxe. Con esa reciclaxe entrariamos no terceiro «R».

No artigo de hoxe comezaremos a falar dos vertedoiros. Parécenos, sen dúbida, que unha das peores prácticas de xestión dos refugallos é o almacenamento, o enterramento ou mesmo a incineración que se producen nestes lugares. Os vertedoiros en moitos casos son incontrolados. Só na Galiza, tense constatado a numerosa presenza dos mesmos, onde se deposita de xeito incontrolado obxectos voluminosos coma colchóns, cociñas, mobles, entullos das obras e outros refugallos de diversas actividades. A nivel do estado español, xa no ano 2017 tiña lugar a condena por parte da UE por non se eliminar os vertedoiros incontrolados onde se depositan toneladas de entullos. Os vertedoiros incontrolados constitúen de por si un serio problema medioambiental.

Os controlados son terreos onde se depositan refugallos baixo unhas condicións “seguras e supervisadas”. Pola nosa experiencia, en moitos casos non pasan de ser lugares de acumulo de residuos, sen máis. As prácticas de mantemento e control que se deberían de realizar distan moito da realidade. Poderían chamarse máis ben cemiterios de lixo.

Certo é que, cando se decide o deseño e construción dun vertedoiro controlado, cómpre ter en conta as seguintes características:

  • As condicións xeolóxicas e xeomorfolóxicas do terreo ou enclave.
  • As condicións climáticas.
  • A instalación de puntos de saída de gases e recollida de lixiviados contaminantes.
  • O recubrimento con capas de arxila para impermeabilizar.
  • A observación dos posibles impactos paisaxísticos.

E, a pesar de todo, non existen garantías, ao noso entender, de que non se produzan cheiros, ruídos polo transporte dos materiais ata o enclave, presenza de ratas e insectos, contaminación das augas subterráneas por filtrado ou produción de gases tóxicos. Por conseguinte, implica un grande impacto ambiental para a poboación máis inmediata, para o medio e tamén para a atmosfera. As máis das veces trátase, como xa dixemos polo observado, de lugares cercados onde se acumulan os refugallos.

Falemos tamén brevemente do que son os puntos limpos: instalacións controladas de ámbito municipal onde se depositan de xeito temporal os refugallos de xeito separado. A estes puntos deberíase levar todo aquilo que non se recolle en colectores convencionais de orixe doméstica e non industrial. O punto limpo debería ser un elo na cadea de reciclaxe, xa que está sometido á normativa do Real Decreto 110/2015, mais moito nos tememos que na maioría dos casos iso non acontece.

No Carballiño, o punto limpo situase na estrada que vai do Carballiño a Cea, en fronte do matadoiro. Está operativo de luns a venres de 10 a 14 horas. Mais tamén se permite o depósito de obxectos voluminosos a carón dos colectores os xoves non festivos, dando aviso previo no teléfono 662 19 96 35. Para rematar, un dato: na área da Concellería de Medio Ambiente da páxina web do Concello do Carballiño aparecen as seguintes seccións:

  • Xestión da recolleita de lixo
  • Punto limpo
  • Limpeza
  • Canceira
  • Servizo de augas e eléctrico
  • Saneamento e depuración
  • Concesións públicas

Ante a imposibilidade de entrar en ningunha delas, unha actualización da páxina sería desexable.

Obrigado e até a próxima.

——————————————————————————————————-

Outros ARTIGOS de Xulio Álvarez Crespo:

Artigo : ” Medio Ambiente: O Noso Compromiso “

Artigo : ” Medio Ambiente: Pasado, Presente e Futuro “

Artigo : Medio Ambiente: O Noso Compromiso. Recollida (1)

Artigo : ” Medio Ambiente: O Noso Compromiso. Recollida (2): A Vila do Carballiño “

Artigo : ” Medio ambiente : O Noso Compromiso. Reducir e Reutilizar “

Artigo : MEDIO AMBIENTE: O NOSO COMPROMISO. coronavirus e xestión de refugallos