Artigo 2 : ” Medio Ambiente: Pasado, Presente e Futuro “

Xulio Álvarez Crespo Biólogo e docente

Publicidade

——————————————————————————————————-

Artigo 2 : ” Medio Ambiente: Pasado, Presente e Futuro “

Para  os que xa temos certos anos, convén tirar da memoria para poñer en clara evidencia que non todo aquilo considerado como un adianto se pode considerar como tal desde a perspectiva da conservación ambiental. Ou se se quere darlle a volta á tortilla, pode ser considerado como un atraso aquilo que faciamos cos nosos residuos hai medio século?

(pinterest.ca/Galegos Fotos antigas/Elviraroiz)

Pois ben, na década dos anos 60-70 sitúase a miña infancia e a miña entrada na mocidade. Rescato agora da gabeta das lembranzas da vida cotiá o feito de que por aquel entón o leite chegaba á casa da man das leiteiras, e un baixaba coa pota ou a garrafa para recollelo.

Cando se ía á tenda mercar cervexa, viño ou gasosa, pondo por caso, un pagaba o produto máis unha pequena cantidade polo “casco” (o envase) e despois, ao devolvelo, recuperaba ese extra. Os refugallos de materia orgánica que se xeraban na casa ían na maioría dos casos para a mantenza dos porcos.

A maioría dos produtos alimentarios nas tendas dos ultramarinos ou coloniais (con produtos procedentes de alén mar) dispensábanse a granel, e utilizábase como envoltorio case sempre papel kraft ou de estraza. O aceite, o azucre, o café, etc  eran a granel, o mesmo que o viño: facéndose  necesario levar unha garrafa para os líquidos.

Así pois non imos desencamiñados se dicimos que naquel tempo a redución no consumo, a reutilización e mesmo a reciclaxe eran práctica cotiá. Da recollida do lixo encargábase o servizo municipal, previo depósito das bolsas na beirarrúa.

Se ben é verdade que melloramos, e moito, en canto a calidade hixiénica dos nosos alimentos polo feito de vir envasados nunhas certas condicións e nuns certos materiais (vidro, plástico, metal, …), non é menos certo que a calidade hixiénica do noso medio ambiente está a sufrir unha grande crise precisamente polo uso e sobre todo do abuso deses envases e, en xeral, das materias primas que empregamos para facer a nosa estancia neste planeta aparentemente mellor.

A actual crise ambiental relaciónase cos modelos de desenvolvemento económico e preséntase como global e complexa. Agora é urxente tomar medidas para non comprometer a sostibilidade e o futuro do planeta.

Ao longo destes anos teño viaxado por Europa e visitei cidades como París, Bruxelas, Xenebra, Amsterdam, Newcastle,Vitoria Gasteiz ou Ovieu. En todas elas me chamaron moito a atención certas prácticas ao respecto da temática da que estamos a falar: ausencia de colectores nas rúas, reciclaxe de produtos vexetais, depósito de pilas en sobres nos comercios e sorteo dalgún premio entre os depositarios, colectores do lixo propios nos edificios e supermercados, reembolso dos cartos polo depósito de garrafas de plástico en supermercados con máquinas instaladas para tal propósito…

Escollo Essen, cidade na que habita a miña filla e á cal teño ido a miúdo (600.000 habitantes, na Renania do Norte-Westfalia, Alemaña), para describir brevemente o sistema de recollida de refugallos urbanos. Na casa selecciónase e sepárase o cartón e papel, o vidro, os plásticos e as latas; despois almacénanse en colectores que son propiedade da veciñanza do edificio e gárdanse nun rocho comunitario. Na rúa non hai contedores, senón que se sacan os da comunidade á rúa no día e hora correspondentes á recollida do servizo municipal. Tamén hai grandes colectores en zonas periféricas do barrio e, se un quere, pode depositar neles os refugallos. As botellas de plástico, como as de vidro, lévanse á unha máquina para recuperar os cartos, e os súper e  grandes superficies alimentarias teñen contedores propios nos seus recintos para depositar os seus refugallos.

Fagámonos a pregunta de se son tan dispares ámbolos dous sistemas (o da década dos 60-70 e mesmo chegando aos 80 e o do século XXI por Europa adiante). Cal é o camiño que queremos escoller e proxectar para reducir, reutilizar e reciclar no futuro?

Cal é a situación actual na Galiza? E na nosa vila? Diso falaremos noutra ocasión.

Obrigado e ata a próxima.

———————————————————————————————————-