Artigo 3: ” MEDIO AMBIENTE: O NOSO COMPROMISO. RECOLLIDA (1) “

IES CHAMOSO LAMAS

Xulio Álvarez Crespo Biólogo e docente

Artigo 3 : ” MEDIO AMBIENTE: O NOSO COMPROMISO. RECOLLIDA (1) “

HIPER MASIDE

Aínda cando a regra dos tres “R” fala de reducir, reutilizar e reciclar, xa comentamos que era importante a recollida dos refugallos, previo proceso de selección, para despois seren transportados a puntos de almacenamento e sometelos a tratamentos varios que iremos analizando máis adiante en sucesivos artigos.

Sabido é de todos que na Galiza o sistema de recollida de refugallos se basea na instalación de contedores na rúa. Hai diversos deseños e cores, mesmo varían dunhas comunidades e concellos a outros.

De xeito breve indicarei, xa que logo, os tipos de residuos e colectores para recollelos:

1. Colector de refugallos orgánicos (ao non estar instaurado a nivel xeral a cor varía, mais normalmente é marrón). Na Galiza hai algunhas poboacións que si teñen compostaxe comunitaria. Restos de comida, codias de froitas, cáscaras de ovos, restos do café, pan, produtos lácteos, refugallos de xardín, ramas, herba, flores, cinzas, etc. Por exemplo o Concello de Allariz leva a cabo unha experiencia de compostaxe comunitaria de materia orgánica doméstica e mesmo a nivel individual.

2. Colector de pilas (pequenos contedores cadrados vermellos ou cilíndricos). Recóllense en centros educativos que participan en diversas campañas educativas. No concurso Pilabot de recollida de pilas e acumuladores portátiles participan centros de Galiza nunha campaña promovida pola Xunta, ERP, Ecopilas e Ecolec. Un exemplo é o IES nº1 do Carballiño.

Hai diversos organismos do ámbito privado ou publico para a xestión de pilas e aparellos eléctricos. Por exemplo, ECOPIL (Ecología y Medio Ambiente Integrados S.L.) ou ERP (European Recycling Platform), que colabora e xestiona a recollida de pilas coas entidades locais e diversas institucións.

3. Colector de aceite (normalmente de cor laranxa). Deposítase aceite de consumo doméstico e recoméndase que se faga en garrafa de plástico. É un dos refugallos máis contaminantes e de maior impacto medioambiental.

4. Colector de vidro (iglú de cor verde). Nel só se pode depositar garrafas e frascos de vidro

5. Colector de roupa (normalmente de cor verde). Recóllese nel roupa e calzado. A maior parte da roupa recuperada expórtase a países nos que se compra. A recuperada, pero que non ten unha segunda vida en canto ao seu uso, recíclase en nova materia prima para elaboración de téxtil novo. Nalgúns casos fálase de grandes fraudes.

6. Colector de refugallos en xeral (de cor verde). Deberiamos depositar nel o que non se incluíu nos anteriores. Mais temos comprobado que nestes colectores vai todo canto podemos imaxinar e nunha grande porcentaxe o que non debería ir.

7. Colector de plástico (de cor amarela). Envases de plástico (garrafas de auga, de aceite), embalaxes de plástico (bolsas, envoltorios, bandexas), latas (de refrescos, conservas), bricks (envase do leite).

8. Colector de papel e cartón (azul). Papeis e cartón (caixas partidas ou dobradas)

No próximo artigo tentaremos analizar a situación do Carballiño no que respecta ao sistema de recollida e da política medioambiental que leva a cabo o concello. Falaremos tamén da concienciación da cidadanía e da súa participación.

Por agora, permítanme aconsellalos na lectura dun libro que, aínda que ten moitos anos, segue, ao meu xeito de velas cousas, totalmente vixente e é máis que aproveitable nos seus contidos: El libro del reciclaje. Manual para la recuperación y aprovechamiento de las basuras. (Alfonso del Val.Extra monográfico n.º 25 da revista Integral . Oasis S.L., 1991).

Obrigado e ata a próxima.

——————————————————————————————————-

Outros ARTIGOS de Xulio Álvarez Crespo:

Artigo 1 : ” Medio Ambiente: O Noso Compromiso “

Artigo 2 : ” Medio Ambiente: Pasado, Presente e Futuro “