A celebración, centrada na Virxe do Carme, constitúe unha das manifestacións relixiosas e populares máis importantes do concello. A romaría combina tradición, devoción, gastronomía e convivencia social, atraendo visitantes de numerosas parroquias do concello e outros da contorna.

A historia da romaría está ligada á capela da Pena da Sela e á súa carballeira centenaria. Durante décadas foi un dos principais puntos de encontro do municipio, comparable á feira do Tellado, esta na versión civil. O texto describe costumes antigas, procesións, novenas, subastas das andas e ofrendas realizadas polos devotos.
En ocasións, a devoción relixiosa viuse enredada con algúns episodios inoportunos, ocorridos durante a festa, incluíndo sucesos recollidos pola prensa da fin de secúlo XIX e mediados do XX. Estes feitos amosan a enorme afluencia de público que tradicionalmente caracterizou a celebración; suliñando, entre outros, o que finalizou coa morte dun veciño da Bugalleira, de cando nun desencontro con persoas chegadas desde Monterroso tivo ese final desgrazado. Un dos elementos destacados é a tradición gastronómica asociada á romaría, especialmente o polbo preparado polas polbeiras chegadas desde Arcos-O Caraballiño, así como outras comidas típicas das parroquias do concello que preparaban nas cestas de vimbio e acudían con elas á cabez ou a cabalo para compartir as viandas e saborosos dóces, coa familia ou en grupos de amizade. Era frecuente que o dia puidese presentarse neboento e houbese que levantar o mantelo e ir desfrutar da festa á casa de morada, sobre todo cando antigamente non se contaba co recurso do alpendre cuberto que algunhas familias da parroquia construíron nos montes da súa propiedade nos toxais estremeiros nos anos de abundancia arredor dos anos sesenta . O que non deixa de ser unha mostra rechamante de impacto ambiental ao redor da carballeira centenaria, o cruceiro e a capela.
Recentemente, ademais da capela con continuos actos relixiosos ao longo de todo o ano, a carballeira é punto de encontro doutras iniciativas culturais, entre elas a Xuntanza de Coches Clásicos do Irixo que o próximo día 27 de xuño acollerá a varios centos de participantes e contribúe á difusión do patrimonio histórico, arquitectónico e natural do municipio no seu percorrido por diferentes parroquias do concello. Ou a gravación dalgún programa da TVG, como foi o caso de “Carballeira” presentado por María Mera e cuxos protagonista foron, de maneira especial, persoas da parroquia de Corneda.
Como lugar de peregrinaxe, ademais do costume inveterado de transladar a Santa desde a capela, onde parmanece dun ano para outro, á igrexa parroquial –A baixada da Santa- uns cantos días antes ata a igrexa parroquial en Dadín, para compartir o novenario coa celebración do San Pedro, o 29, ata o primeiro domingo de xullo como día grande da Romaría, que retorna a imaxe ao santuario no monte de Saavedra. Tense dado o caso dalgunha peregrinación extraordinaria celebrada en 1967 con motivo do cincuentenario da aparición da virxe de Fátima, cando unha multitudinaria procesión motorizada e unha peregrinación a pé chegaron ata o santuario da Pena da Sela desde a capela da Ponte, na que se honra a virxe de Fátima, polo día trece de maio, coincidindo coa aparición en Cova de Iria-Portugal.

En síntese, podemos entender que A Pena da Sela continúa sendo un símbolo identitario de grande valor cultural, histórico e relixioso. Por iso se considera fundamental a súa conservación, protección e difusión entre as diferentes xeracións.
Lembro as vivencias de meu pai, de cando alá por mediados do século pasado, alí non chegaban nin a auga nin a luz, pero que si había música, as máis das veces interpretada polos músicos da Veiga- O Carballiño que ao escurecer lles recordaban aos romeiros que :
”Se vos gustou esta copla,
tocarémola outro día,
que son as doce da noite,
acabou a romaría”
Procesión Nocturna no translado desde a igrexa parroquial á capela (2022)

Saavedra-Dadín, 20 de xullo de 2026.









