Xulio Álvarez Crespo Biólogo e docente
Artigo : ” MEDIO AMBIENTE: O NOSO COMPROMISO. Reducir e Reutilizar ”
Na xestión dos residuos é moi importante o principio de ecoeficiencia: producir máis limpo é máis rendible que limpar; ou non é máis limpo quen máis limpa, senón quen menos ensucia. Todas cantas medidas acheguemos para minimizar a formación de refugallos serán moi importantes porque permitirán contaminar menos e aforrar en gastos de tratamento dos residuos. Un modelo social limpo no que se minimice a produción de residuos e os seus impactos sobre o medio debe ter en consideración dúas cuestións fundamentais: reducir en orixe e aplicar sistemas de tratamento e recuperación dos refugallos.
Se falamos da redución en orixe, nas cadeas produtivas deberíase ter en conta o emprego de tecnoloxías limpas que nos permitan un uso máis racional das materias primas e da enerxía e, por conseguinte, menos obtención de refugallos.
Tamén podemos reducir en volume na medida en que xa separemos en orixe. Así reduciremos o custo da súa eliminación. Hai diversos métodos de redución: a compactación ou o secado pola calor son dous claros exemplos.
Respecto á recuperación e á reciclaxe, debemos distinguir entre as dúas propostas. Falamos de recuperación cando empregamos residuos en procesos de fabricación distintos os da súa formación. A reciclaxe realízase cando os refugallos son empregados para os mesmos procesos nos que se produciron.
Reutilizar consiste en volver usar bens ou produtos abandonados e darlles un uso igual ou diferente a aquel para o que foron concibidos. Canto máis reutilicemos, menos lixo produciremos. Canta roupa case que nova non temos tirado ao lixo?
Se falamos de reducir e de reutilizar, podemos facelo a dous niveis: dunha banda o industrial e empresarial, e doutra o ámbito domestico.
Velaquí algunhas propostas que permitirían levar a cabo accións de redución e reutilización de materiais nos dous niveis.
No mundo empresarial:
– utilizar materias primas o menos contaminantes posibles
– usar tecnoloxías avanzadas, máis eficientes e menos contaminantes
– mellorar a produción aplicando boas prácticas ambientais
– intentar reciclar o refugallo en orixe
No ámbito domestico :

E, para rematar, unha reflexión. Nestes días en que todos andamos aterrados polo coronavirus (COVID-19), resulta sorprendente ver como colectores que sempre estaban ateigados de lixo por dentro e por fóra están limpos e recollidos. Ogallá que cando pase a pandemia que nos está a confinar nas casas, e que tanto sufrimento está a provocar nas xentes, as persoas sigan coas boas prácticas no depósito do lixo; pero iso si, que non sexa por medo senón por conciencia medioambiental.
Obrigado e até a próxima.
——————————————————————————————————-
Outros ARTIGOS de Xulio Álvarez Crespo:
Artigo : ” Medio Ambiente: O Noso Compromiso “
Artigo : ” Medio Ambiente: Pasado, Presente e Futuro “
Artigo : “ Medio Ambiente: O Noso Compromiso. Recollida (1) “
Artigo : ” Medio Ambiente: O Noso Compromiso. Recollida (2): A Vila do Carballiño “