MEDIO AMBIENTE: O NOSO COMPROMISO. Xestión dos refugallos: Reciclaxe e compostaxe

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Xulio Álvarez Crespo Biólogo e docente

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Artigo : “MEDIO AMBIENTE: O NOSO COMPROMISO. Xestión dos refugallos: Reciclaxe e compostaxe ”

A recuperación de metais, plásticos, cartón, papel, vidro ou materia orgánica a partir dos RSU (refugallos sólidos urbanos) e a súa posterior reciclaxe constitúe, segundo o noso punto de vista, o tratamento dos residuos máis respectuoso co medio ambiente.
Como xa dixemos noutro artigo publicado aquí, reciclar é tratar uns produtos tomados como materia prima e, a partir deles, obter produtos novos. A reciclaxe contribúe a un desenvolvemento sostible do planeta. Con ela redúcese a cantidade de materia prima extraída da terra e necesítase menos gasto enerxético e menos consumo de auga nos procesos de obtención dos distintos produtos.
Dende hoxe e en futuros artigos, iremos tratando os distintos procesos de reciclaxe. Veremos como a partir de papel obtemos papel novo, a partir de vidro obtemos vidro, a partir de plásticos obtemos plástico ou a partir de materia orgánica un material chamado humus.
Iniciamos pois a andaina da reciclaxe falando da compostaxe: tratamento da fracción orgánica dos RSU para obter compost.

Restos de comida, tonas de froita, cáscaras de ovos, restos do café, pan, produtos lácteos, refugallos de xardín, ramas, herba, flores, cinzas son algúns dos materiais empregados no proceso de compostaxe.
Trátase dun proceso de descomposición aerobia da fracción orgánica no que finalmente se obtén un material chamado “humus”, de cor parda escura e cunhas funcións e propiedades máis que interesantes:

  1. Favorece a absorción dos raios solares pola súa cor escura e polo tanto aumenta a temperatura.
  2. Favorece a aireación e drenaxe da terra.
  3. Mantén na terra a auga.
  4. Mellora a dispoñibilidade de nutrientes para as plantas.
  5. Serve de soporte a milleiros de microorganismos no solo.
    Este adobo orgánico (humus) do que estamos a falar pódese obter a gran escala, en plantas de compostaxe, nas que se controlan parámetros como temperatura, oxíxeno, dióxido de carbono ou pH, entre outros. De xeito que o proceso se ve acelerado respecto do que sería na natureza.
    Compostar os restos orgánicos non é máis que imitar o proceso de fermentación que ocorre no solo dos nosos bosques, nos que se forma ese adobo orgánico, estabilizador do solo e rico en materia orgánica e nitróxeno, fósforo, potasio, magnesio, calcio, ferro e outros oligoelementos necesarios para as plantas.
    Na Galiza hai poboacións que dispoñen dun servizo de compostaxe comunitaria. No rural, ao acumular os refugallos ao pé da leira e deixar que se vaian “facendo” obtense adobo/esterco para os cultivos da horta, por exemplo.
    Na casa, sobre todo se dispomos de terreo, podemos elaborar compost que nos servirá de adobo para as plantas.
    De como construír unha composteira e como facer o noso compost falaremos no próximo artigo.
    Obrigado e até a próxima

————————————————————————————————-

Outros ARTIGOS de Xulio Álvarez Crespo:

Artigo : Medio Ambiente: O Noso Compromiso “

Artigo : Medio Ambiente: Pasado, Presente e Futuro

Artigo : Medio Ambiente: O Noso Compromiso. Recollida (1)

Artigo : Medio Ambiente: O Noso Compromiso. Recollida (2): A Vila do Carballiño “

Artigo : ” Medio ambiente : O Noso Compromiso. Reducir e Reutilizar “

Artigo : MEDIO AMBIENTE: O NOSO COMPROMISO. coronavirus e xestión de refugallos

Artigo : “ MEDIO AMBIENTE: O NOSO COMPROMISO. Xestión dos refugallos: Vertedoiros

Artigo : ” MEDIO AMBIENTE: O NOSO COMPROMISO. Xestión dos refugallos: Incineración