MEDIO AMBIENTE: O NOSO COMPROMISO. Xestión dos refugallos: Incineración

Xulio Álvarez Cespo Biólogo e docente

Publicidade

Artigo : “MEDIO AMBIENTE: O NOSO COMPROMISO. Xestión dos refugallos: Incineración ”

Seguindo co estudo das posibilidades que temos para levar a cabo a xestión dos refugallos, imos falar hoxe da incineración.

Na Galiza, SOGAMA (Sociedade Galega do Medio Ambiente, empresa pública autonómica creada no ano 1992 e adscrita á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda) insiste nas vantaxes ambientais que ofrece a incineración. Explica que as altas temperaturas de combustión e as modernas tecnoloxías de depuración de gases permiten desenvolver un proceso totalmente respectuoso co medio e para coa saúde. Os defensores da incineración (as máis das veces non usan a palabra e substitúena pola expresión «valorización enerxética da fracción resto de refugallos») manteñen, entre outros argumentos, que ao incinerar se reduce volume nun 80-85%, evítase a necesidade de vertedoiros e non implica cambios nos hábitos de consumo. Tamén o xustifican co uso da incineración en países de alta densidade de poboación e pobres en recursos enerxéticos como Suíza, o Xapón, Francia ou Alemaña.

O argumento en canto á redución en volume cae polo seu propio peso. Como xa analizamos noutro artigo, deberiamos apostar decididamente pola potenciación da compostaxe comunitaria e familiar que permita a redución en orixe e, ao mesmo tempo, posibilite acadar como mínimo o 50% de separación que marca a Unión Europea para o 2020. Os demais argumentos a prol da incineración antóllasenos fraudulentos e explicamos o porqué:

1. Non elimina na súa totalidade os residuos, polo cal é necesario un vertedoiro especial para as cinzas (moi tóxicas) procedentes da incineración.

2. A inversión económica e os custos de mantemento son moi elevados, e os postos de traballo que xera, escasos.

3. Ao incinerar os refugallos dos colectores verdes (a saber que refugallos atopamos neles), prodúcense cinzas tóxicas que van parar a vertedoiros. As cinzas poden lavarse e ir parar a augas subterráneas. Tamén se lanza á atmosfera (debido á combustión de residuos) gases clorados e fluorados, dioxinas e furanos, substancias tremendamente tóxicas persistentes e bioacumulables con consecuencias nefastas para o ambiente e para os seres vivos. Emítense partículas de metais pesados como chumbo e cadmio, máis que probables causantes de cancro e trastornos do sistema respiratorio. A combustión en masa queima lixo mesturado e produce unha gran contaminación ambiental.

Finalmente, cómpre sinalar que o argumento de que non implica cambios nos hábitos do consumidor nos parece maquiavélico. O que provoca a incineración é que nada cambie: potenciase o consumo, posto que dá igual producir moito lixo xa que ó queimalo facémolo desaparecer; satisfacemos o consumidor, librámolo de esforzos no cambio de hábitos e de paso anulamos a posta en práctica de alternativas políticas encamiñadas a mellorar os comportamentos da especie para co entorno. Evitamos así a reciclaxe e seguimos a contaminar a atmosfera e a destruír os ecosistemas.

Así pois, volvemos ao principio do asunto: cal seria o enfoque ou a alternativa que podemos pór sobre a mesa? Sen ningunha dubida apostamos polos programas de redución, reutilización e reciclaxe (regra dos tres erres) e pola compostaxe.

Obrigado e até a próxima.

——————————————————————————————————-

Outros ARTIGOS de Xulio Álvarez Crespo:

Artigo : ” Medio Ambiente: O Noso Compromiso “

Artigo : ” Medio Ambiente: Pasado, Presente e Futuro “

Artigo : Medio Ambiente: O Noso Compromiso. Recollida (1)

Artigo : ” Medio Ambiente: O Noso Compromiso. Recollida (2): A Vila do Carballiño “

Artigo : ” Medio ambiente : O Noso Compromiso. Reducir e Reutilizar “

Artigo : MEDIO AMBIENTE: O NOSO COMPROMISO. coronavirus e xestión de refugallos

Artigo : “ MEDIO AMBIENTE: O NOSO COMPROMISO. Xestión dos refugallos: Vertedoiros