O Concello de Piñor, como cada ano, levará a cabo unha programación de iniciativas polo 25-N, Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Por unha banda, o domingo 24 de novembro terá lugar o espectáculo teatral “A cabaleira”, representado polo grupo Medievándalosás 18,00 horas no Centro Cultural de Arenteiro. O argumento conta que Valentina é unha princesa, destinada a ser a próxima Raíña. Pero para iso terá que buscar un cabaleiro que sexa Rei… ou non? Non pode ela gobernar e guerrear igual que un home? Que aventuras terá que correr para que todos saiban que ela é a mellor raíña posible? Ao longo de 40 minutos exploraranse estereotipos e roles a través do teatro, a música, pero sobre todo, do humor. Esta actividade enmárcase no Programa de Educación Familiar, que se leva ofrecendo dende o Concello de Piñor dende o ano 2006, que ademais de traballar con familias de forma individualizada oferta actividades comunitarias destinadas a traballar obxectivos concretos, coa financiación da Consellería de Política Social e Xuventude e polo programa operativo FSE Galicia 2021-2027.
A outra iniciativa municipal polo 25-N consiste nun acto oficial de rexeitamento da violencia de xénero, convocando ós membros da corporación local e á poboación a asistir o 25 de novembro ás 12:00h ó Concello de Piñor para proceder á unha lectura contra esta lacra social e a posteriormente gardar un minuto de silencio en apoio ás vítimas de violencia de xénero e ás súas familias. Dende o Concello anímase a participar nestas iniciativas, sendo a loita contra a violencia de xénero algo que atinxe a todos e todas.