Como construír unha composteira e como facer o noso compost

Xulio Álvarez Crespo Biólogo e docente

Artigo : “MEDIO AMBIENTE: O NOSO COMPROMISO. Xestión dos refugallos: Como construír unha composteira e como facer o noso compost ”

AVANTAR ACTIVIDADES

Como xa apuntabamos no anterior artigo, podemos falar de compostaxe en distintos niveis: a gran escala, comunitario ou  persoal.

Na Galiza, se falamos de plantas industriais de compostaxe, teriamos que nomear a do complexo de Sogama (Areosa, Cerceda – A Coruña), tachada por diversas asociacións ecoloxistas de fraude ao non recibir de xeito selectivo a materia orgánica. Ata a planta chega a mestura do colector verde, e se temos en conta a definición de compost (emenda orgánica obtida a partir do tratamento biolóxico aerobio e termófilo de residuos biodegradables recollidos separadamente en orixe), non considerariamos compost o material orgánico obtido no complexo de Sogama e si falariamos do chamado material biostabilizado.

Existen tamén o complexo medioambiental Serra do Barbanza, no que se atopa a planta de Servia (Lousame), e o complexo de Nostián (A Coruña). En ámbolos casos apóstase máis pola compostaxe que pola valorización (incineración).

Tamén podemos falar de empresas de ámbito privado especializadas na fabricación de biofertilizantes. Algunhas son referente na elaboración de vermicompost: o compost de miñoca é un abono natural de grandes beneficios para as plantas e o solo. As miñocas realizan unha tripla acción sobre os restos orgánicos: metábolica, pois degradan os restos orgánicos liberando nitróxeno, fósforo, potasio, calcio, magnesio; mecánica,  pois  aliméntanse  e  cavan  galerías,  mesturan  os  minerais  e  a  materia orgánica que pasan polo seu intestino e, finalmente, expulsan a terra; e biótica, xa que estimulan a microflora do solo e aumentan os microorganismos.

A nivel comunidade podemos dicir que na Galiza hai moitísimos concellos que teñen un proxecto medioambiental no que se inclúe a compostaxe para servizo da veciñanza. Un  dos  casos  é  o  da  compostaxe  comunitaria  de  materia  doméstica  en  Allariz  (véxase www.dialogosrb.net).

É de destacar tamén o programa experimental “Composta” da cidade de Pontevedra. Recollida de residuos orgánicos en 2000 vivendas, co obxectivo de tratar o 50% dos biorresiduos (normativa europea). O proxecto baséase na compostaxe individual no ámbito da vivenda rural e nas urbanas con horto. A nivel comunitario, sitúanse centros de compostaxe en zonas verdes da  cidade.  De  xeito  voluntario  participan  bares,  restaurantes,  froiteiras,  supermercados  e veciñanza.

Finalmente, falemos do nivel individual: como dispor dunha composteira e como facer o noso compost.

O exemplo de sempre, para nós, é o medio rural. No día a día, no agro para os cultivos, a veciñanza está a facer e utilizar esterco como adobo e bo fertilizante.

Respecto da composteira, as opcións son mercala ou facela un mesmo. Na seguinte ligazón,      https://ecoinventos.com/ideas-para-hacer-tu-compostera-casera/, atoparedes quince xeitos distintos de construír a composteira, algúns deles moi orixinais, que mesmo potencian a reciclaxe de materias.

No meu xardín teño unha composteira típica, das que distribúe de vez en cando Sogama a través dos concellos. Compostar é moi fácil e, ao longo do ano, obteño dous cestos ben grandes de compost do seguinte xeito:

Tódolos días recollo nun caldeiro na cociña da miña casa os restos de alimentación: cáscaras de ovos, tonas de froita, restos do café, pan, produtos lácteos, restos de legumes e verduras.

Tamén fago uso dos refugallos de xardín (ramas, herba, flores) ou mesmo das cinzas da cociña de leña durante a invernía.

Tento sempre que os materiais vaian á composteira o máis picados posíbel, cada vez que os deposito remexo adecuadamente para mesturalos e, moi de vez en cando, rego con algo de auga para facilitarlle a humidade. Finalmente, engádolle algo de materia seca e outra pouca verde.

Cada seis meses máis ou menos apaño a “colleita” que, unha vez peneirada, uso para as miñas plantas e para as árbores do xardín; ou sexa, obteño compost de calidade. Así pois, reduzo refugallos e aforro cartos en mercar adobo para as plantas.

Obrigado e até a próxima.


————————————————————————————————-

Outros ARTIGOS de Xulio Álvarez Crespo:

Artigo : Medio Ambiente: O Noso Compromiso “

Artigo : Medio Ambiente: Pasado, Presente e Futuro

Artigo : Medio Ambiente: O Noso Compromiso. Recollida (1)

Artigo : Medio Ambiente: O Noso Compromiso. Recollida (2): A Vila do Carballiño “

Artigo : ” Medio ambiente : O Noso Compromiso. Reducir e Reutilizar “

Artigo : MEDIO AMBIENTE: O NOSO COMPROMISO. coronavirus e xestión de refugallos

Artigo : “ MEDIO AMBIENTE: O NOSO COMPROMISO. Xestión dos refugallos: Vertedoiros

Artigo : ” MEDIO AMBIENTE: O NOSO COMPROMISO. Xestión dos refugallos: Incineración

Artigo : ” MEDIO AMBIENTE: O NOSO COMPROMISO. Xestión dos refugallos: Reciclaxe e compostaxe