O Pazo dos Deportes Paco Paz acollerá o XII Torneo Internacional de Ximnasia Rítmica

O Pazo dos Deportes Paco Paz acollerá o XII Torneo Internacional de Ximnasia Rítmica “Ourense, a provincia termal”, que se celebrará do 28 ao 31 de marzo. O vicepresidente segundo da Deputación e deputado de Deportes, César Fernández, asistiu hoxe á presentación deste evento deportivo no Paco Paz.

César Fernández puxo en valor o traballo realizado polo Club Marusia “a prol do deporte na nosa provincia organizando esta competición que en cada edición atrae a máis deportistas procedentes de diferentes países, convertendo a Ourense na capital mundial da ximnasia rítmica”.

AVANTAR ACTIVIDADES

Con este tipo de eventos deportivos contribúese -dixo o vicepresidente segundo da Deputación- a fomentar o deporte feminino, particularmente a ximnasia rítmica na nosa provincia; a axudar ao tecido produtivo do territorio a través do turismo deportivo; a fomentar os valores ligados ao deporte, e a reivindicar o posicionamento de Ourense no ámbito deportivo nacional e internacional.

Nesta edición, daranse cita máis de 1.400 ximnastas procedentes de: Ucraína, Xeorxia, Alemaña, Hungría, Romanía, Italia, Armenia e de España, virán de Baleares, Andalucía, Madrid, Castela A Mancha, A Rioxa, País Vasco, Asturias e Galicia. Volverán a participar ximnastas da Selección Española. Este torneo logrou un importante incremento no número de participantes desde os seus comezos, pasando así dos 165 ximnastas na primeira edición de 2011 aos 1.300 o ano pasado (2023).