O delegado territorial da Xunta visita as obras de mellora realizadas no centro de saúde de Castrelo de Miño

  • A actuación tivo un orzamento de preto de 15.000 euros e foi financiada froito dun convenio entre a Xunta e o Goberno local ao tratarse dun edificio de titularidade municipal
  • Dende o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 98 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre mais de 75.000 metros cadrados

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, acompañado do alcalde, Avelino Pazos,  visitou as obras que se realizaron no centro de saúde de Castrelo de Miño para dotalo de maior funcionalidade.

O orzamento executado foi de preto de 15.000 euros e foi financiado froito dun convenio entre a Xunta e o Goberno local ao tratarse dun edificio de titularidade municipal. Pola súa parte, o Concello foi encargado de levar a cabo as actuacións necesarias para a correcta execución das obras coa redacción do documento técnico necesario para a execución das obras, licitación e execución das mesmas.

AVANTAR ACTIVIDADES

As obras consistiron na reparación de persianas e estores interiores das xanelas, substitución de peches de carpinterías de aluminio danadas, pintado de parámetros verticais e horizontais así como das portas interiores de caixóns de persianas, da  fachada exterior, do peche frontal e a substitución e mellora da iluminación de entrada ao centro.

Renovación de infraestruturas de atención primaria

Dende o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 98 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre mais de 75.000 metros cadrados. A eles hai que engadir as 4 que están en marcha (Lugo, Lalín, Arnoia e Ribadavia) En total, a Administración autonómica investiu, nestes 12 anos, máis de 120 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de atención primaria.

Concretamente nesta provincia foron construídos 11 centros de saúde nos concellos de A Merca, Toén, Entrimo, Vilar de Santos, Vilamartín, A Peroxa (Os Peares), Ourense (O Couto) Pontedeva, Barbadás, Pereiro de Aguiar e Paderne de Allaríz. Tamén foi reformado o centro de saúde de Carballeda de Avia.

Tamén foron reformados a través de convenios os centros de saúde de A Rúa, Gomesende, O Bolo (reforma no 2016 e no 2021), Muíños, Amoeiro (reformas no 2017 e no 2021), Leiro, Carballeda de Valdeorras, Lobios, Cenlle, Rairiz, Castrelo de Miño e Maside.

Para continuar con este esforzo, este ano o Goberno galego aprobou o Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria, que no caso da provincia de Ourense, contempla a construción de oito novos centros de saúde: o novo CIS de Ourense (xa adxudicada a redacción do proxecto) e o de Mariñamansa na cidade de Ourense, e os dos concellos de A Rúa (asinado convenio), o Carballiño, Muíños, Boborás, Allariz e Montederramo. Ademais, o Plan contempla obras para reformar e modernizar integramente o centro de saúde de Viana do Bolo.