O BNG presenta unha emenda de 567.500 euros para reorientar a actividade do INORDE pero mantén a proposta da súa desaparición.

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Xosé Manuel Puga defende que as competencias do organismo poden ser asumidas directamente pola Deputación e propón destinar os recursos a un fondo de colaboración con entidades públicas e privadas para dinamizar a economía das comarcas ourensás

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Ourense, 18 de novembro de 2026. Grupo do Bloque Nacionalista Galego na Deputación de Ourense presentou unha emenda aos orzamentos de 2027 do INORDE no seu Consello Reitor, por importe de 567.500 euros para reorientar os recursos do organismo cara a unha nova liña de colaboración con entidades públicas e privadas destinada a impulsar actividades de dinamización económica e social no conxunto das comarcas de Ourense. Así o anunciou o deputado do BNG na Deputación de Ourense, Xosé Manuel Puga, quen aclarou que esta proposta non modifica a posición da formación nacionalista, que volverá defender no Pleno da Deputación do vindeiro 3 de decembro unha emenda aos orzamentos xerais que implicará a desaparición do INORDE como organismo autónomo.

Puga explicou que a proposta do BNG parte dunha cuestión de eficiencia na xestión dos recursos públicos: “Non estamos dicindo que teñan que desaparecer as actividades que desenvolve o INORDE, senón que moitas delas poden ser asumidas e executadas directamente pola propia Deputación, sen necesidade de manter unha estrutura independente”. Neste sentido, puxo como exemplo a desaparición do INLUDES na Deputación de Lugo, cuxas funcións vinculadas ao ámbito agrogandeiro e turístico foron integradas na propia institución provincial.

O deputado nacionalista cuestionou tamén a falta de apoio do resto dos grupos da oposición á proposta de eliminación do organismo, lembrando que existe unha maioría na Deputación que permitiría impulsar cambios neste sentido. Por iso, anunciou que o BNG volverá someter esta cuestión á consideración do Pleno para que cada grupo se posicione sobre a continuidade dun organismo cuxas funcións, ao entender da formación nacionalista, poden ser desenvolvidas pola propia Deputación.

Mentres non se produce ese cambio, o BNG considera necesario actuar sobre o funcionamento do INORDE e os seus orzamentos. Por iso, a emenda presentada propón minorar en 567.500 euros distintas partidas dos capítulos 1, 2, 4 e 6, para crear unha nova área de gasto nos capítulos 2 e 4 baixo a denominación “Investimentos e colaboración da Deputación de Ourense con entidades públicas e privadas para o desenvolvemento de actividades e accións de dinamización económica e social na provincia de Ourense”.

“O que propoñemos é que, en lugar de destinar estes recursos a partidas que consideramos prescindibles ou cunha execución insuficiente, se cree un fondo que permita traballar xunto coas institucións públicas e, especialmente, co tecido económico da provincia para impulsar iniciativas que contribúan á súa activación económica”, explicou Puga.

A emenda contempla unha minoración de 24.000 euros no capítulo 1, correspondente a complementos retributivos vinculados a tarefas de secretaría e intervención do organismo; de 316.500 euros no capítulo 2, relativo a gastos correntes; de 122.000 euros no capítulo 4, destinado a transferencias correntes, e de 105.000 euros no capítulo 6, correspondente a investimentos.

No relativo aos gastos correntes, o BNG fundamenta parte das reducións na baixa execución dalgunhas partidas e na posibilidade de que determinados traballos técnicos sexan realizados directamente polo persoal da Deputación, evitando a súa externalización. Así mesmo, Puga cuestionou o recurso ás axudas nominativas a concellos e entidades, defendendo que estas colaboracións deben articularse mediante bases reguladoras e procedementos de concorrencia competitiva.

“Os concellos e as entidades teñen que poder acceder aos recursos públicos en igualdade de condicións, mediante criterios obxectivos e transparentes, e non depender da vontade discrecional da xerencia ou da presidencia do organismo”, sinalou.

No caso do capítulo 6, a minoración proposta responde, segundo explicou o deputado, á baixa execución que presentan reiteradamente as partidas de investimento do INORDE.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


Puga cuestionou tamén o modelo de funcionamento do organismo e considerou que existen aspectos da súa estrutura e dos seus gastos que deberían ser revisados. Neste sentido, chamou a atención sobre a retribución da xerencia do INORDE, sinalando que supera a do propio presidente da Deputación, unha situación que, ao seu xuízo, debe levar a reflexionar sobre o funcionamento e os custos da estrutura administrativa do organismo.

O deputado insistiu en que a emenda presentada é unha proposta construtiva para modificar a orientación dos recursos públicos e achegar o INORDE aos obxectivos que lle atribúen os seus propios estatutos: “A promoción, o desenvolvemento e a mellora das condicións económicas e sociais da provincia.”

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------