Concellos, Anpas e entidades de iniciativa social poden solicitar ata o 29 de agosto as axudas da Xunta para apoiar a conciliación

IES CHAMOSO LAMAS

As axudas autonómicas dirixidas a entidades locais, de iniciativa social e Asociacións de nais e pais de Galicia (Anpas) para o desenvolvemento de programas dirixidos a apoiar a conciliación dunhas 12.000 familias galegas poden solicitarse aínda, ata o próximo luns 29 de agosto. A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade inviste nesta actuación 6,7 millóns de euros, un crédito procedente dos fondos estatais do Plan Corresponsables.

O Goberno galego promoverá con estas axudas o desenvolvemento de servizos de conciliación baseados nos coidados profesionais, que se prestarán en dependencias públicas e a domicilio, polo que contribuirá tamén á creación duns 500 postos neste sector. Do que se trata é de facilitar a corresponsabilidade e a conciliación das familias galegas con fillas e fillos de ata 16 anos (inclusive) mediante bolsas de coidado profesional.

OZOCOgz Deseño Galego

Entre as familias beneficiarias das actuacións, darase prioridade ás vítimas de violencia de xénero -especialmente cando teñan que acudir a interpoñer denuncias, procesos xudiciais, citas médicas e terapéuticas ou trámites burocráticos-; familias monomarentais e monoparentais; mulleres en situación de desemprego -para realizar accións formativas ou procura activa de traballo-; mulleres maiores de 45 anos ou unidades familiares nas que existan outras cargas relacionadas cos coidados.

No marco da convocatoria, que se publicou no Diario Oficial de Galicia (DOG) o pasado 27 de xullo, outorgarase financiación para a posta en marcha dos servizos de coidado que presten as entidades, tanto no domicilio como en dependencias públicas, así como para o desenvolvemento de plans de sensibilización e formación en materia de corresponsabilidade e coidados destinados aos homes e ás familias.Tres liñas de axuda

O orzamento da convocatoria esta repartido en tres liñas. Case 4,5 millóns de euros permitirán financiar os servizos que promovan concellos de forma individual ou mediante xestión compartida. Outros 1,5 millóns de euros destinaranse ás entidades de iniciativa social, e as Anpas contarán con 700.000 euros do orzamento. As axudas máximas, en función da liña, poderán acadar os 225.000 euros.

A Xunta asumirá, deste xeito, os gastos directos da contratación do persoal -incluíndo a contratación mercantil ou externa da prestación destes servizos- así como outros de tipo corrente nos que incorran as entidades para desenvolver as actuacións, a difusión e información, así como a edición de materiais didácticos.

A creación destas bolsas de coidados permitirá a contratación estimada dunhas 500 persoas traballadoras. Este é outro dos obxectivos: incorporar ás bolsas de perfís profesionais de técnica/o en actividades socioculturais, en integración social, monitoras/es de lecer e tempo libre, técnicas/os superiores de animación sociodeportiva, de educación infantil, e auxiliares de gardería e xardín de Infancia.

As bolsas que se desenvolvan a través destes apoios sumaranse ás máis de 600 actividades que a Xunta, a través da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, está a desenvolver para apoiar a conciliación corresponsable das familias galegas e que suman 22.100 prazas para menores de ata 16 ou 18 anos de idade, segundo o programa no que se participe. Este departamento autonómico está a investir este ano en programas de conciliación 16 millóns de euros, un orzamento que triplica a contía reservada o pasado ano para este fin.