O Concello do Carballiño reforza a súa aposta polo fomento do deporte con dúas intervencións moi demandadas no barrio da Uceira e que suporán un investimento de preto de 1 millón de euros. Por unha banda, o goberno municipal impulsa a ampliación e acondicionamento do complexo deportivo, o que permitirá adecuar as instalacións ao crecemento de xogadores e público dos últimos anos. Ademais, o Concello levará a cabo a construción de vestiarios e renovación do pavillón deportivo do colexio da Uceira.
“Tanto a ampliación do complexo como a mellora do pavillón son dúas medidas moi necesarias para seguir apostando pola práctica deportiva e polo fomento da actividade física das novas xeracións”, sinala José Castro-Gil, alcalde en funcións e concelleiro de Deportes. Nesa liña, destaca a importancia de modernizar e adecuar o espazo ás demandas actuais. “Estamos falando dun complexo deportivo clave para O Carballiño e con moito potencial; este mesmo verán tivemos a sorte de acoller o Campus Experience do Real Madrid, o primeiro que se realizaba en toda Galicia”, recorda Castro-Gil.
Ampliación do campo e novas gradas
A obra de mellora das instalacións deportivas, valorada en preto de 490.000 euros, conta coa subvención do 50% do importe total por parte da Xunta de Galicia. O proxecto inclúe a ampliación do campo actual de fútbol sete, así como a execución dun novo graderío adecuado ao volume crecente de público que acude ao recinto.
Entre as diversas actuacións previstas no complexo tamén destaca a mellora da rede de drenaxe, dos pavimentos, do sistema de rego e da iluminación do campo. Por outra banda, renovaranse os equipamentos deportivos, tales como as porterías fixas para fútbol sete, o xogo de banderíns, os bancos para xogadores ou a rede de protección dos fondos. A intervención conta cun prazo de execución de oito meses.
Actuacións no pavillón
Ademais da ampliación do complexo deportivo, o Concello do Carballiño levará a cabo a mellora do pavillón da unidade escolar da Uceira, pertencente ao CEIP Calvo Sotelo. A intervención, impulsada a través dun convenio de colaboración coa Consellería de Educación, está valorada en 500.000 euros e inclúe a construción de vestiarios, así como o acondicionamento do interior do pavillón.
As obras permitirán renovar integramente o espazo, empregado tanto por alumnado do centro educativo como por diferentes equipos. “Mellorar o pavillón permitirá máis comodidade e confort para todas as persoas que xa o utilizan, ademais de favorecer que se realicen máis actividades”, apunta Castro-Gil.


















