Marina Ortega do grupo socialista reclama un observatorio autonómico e un plan específico urxente sobre a soidade non desexada

Marina Ortega acusa ao goberno galego de ter conxeladas dende hai máis de un ano as medidas fronte á soidade non desexada

Publicidade

A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Marina Ortega, reclamoulle hoxe á Xunta que constitúa un Observatorio Autonómico sobre a Soidade non Desexada, que permita promover de xeito inmediato un Plan galego específico para atender este problema. Ortega presentou esta proposta nunha interpelación á conselleira de Política Social que se debateu no Pleno do Parlamento celebrado hoxe.

A responsable socialista chamou a atención por un problema que afecta a 280.000 galegos e galegas, segundo revela o INE, o que supón algo máis do 10 por cento da poboación galega, e que ademais afecta sinaladamente á poboación maior, xa que 128.800 dos fogares unipersoais están ocupados por maiores de 65 anos, a maior parte deles formados por mulleres.

Ortega censurou o desleixo do goberno galego cara este problema, logo de constatar que manteñen conxeladas dende hai máis dun ano as medidas anunciadas dentro da Estratexia Galega para a Soidade non Desexada, “sen que aparentemente existan medidas de calado polo momento”. Esixiulle á conselleira que cumpra co acordo parlamentario neste sentido acadado durante a pasada Lexislatura, e que foi “esquecido” polo Executivo autonómico.

Salientou a importancia deste problema, oculto ata a chegada do “tsunami da pandemia”, que afecta á propia saúde física e mental de moitas persoas que “están a sufrir os efectos perniciosos da percepción negativa da soidade”. Unha situación que afecta especialmente a territorios como o galego, especialmente afectados polo envellecemento poboacional e polo retroceso demográfico.

Observatorio Galego

Por este motivo reclamou un Observatorio galego específico sobre a soidade non desexada, coordinado coa Universidade e o ámbito da investigación, contando cos “grandes investigadores e Universidade de nivel dos que dispoñemos en Galicia”, así como cos axentes sociais implicados. O obxectivo sería detectar a cantas persoas afecta o problema en Galicia, cales son os seus perfís e características, obtendo unha “radiografía do que está a acontecer neste contexto”.

As conclusións do Observatorio deberan derivar, dixo, nun Plan Galego xestionado en colaboración co ámbito local dotando aos concellos dos recursos precisos para desenvolver o dito plan coordinado a través da Xunta de Galicia. Sinalou que “dito plan debera ser xestionado a través de equipos multidisciplinares”, nos que “as administracións locais deben xogar un papel fundamental para iniciar plans comunitarios adaptados a cada territorio”.

PUBLICIDADE