O Camiño de Santiago protagoniza a exposición de pintura do arxentino Diego Beyró no Centro Cultural Marcos Valcárcel

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

O vicepresidente segundo e deputado de Cultura, César Fernández, participou na inauguración da mostra, que conta coa colaboración do Consulado Arxentino en Vigo

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

“Galaica” está composta por obras de máis de tres metros, algunhas delas feitas con bolígrafo

Ourense, 17 de xullo de 2025.

O Centro Cultural Marcos Valcárcel estrea nova exposición. “Galaica”, do artista arxentino Diego Beyró, é unha mostra de pintura que recolle imaxes do Camiño de Santiago. O vicepresidente segundo e deputado de Cultura, César Fernández, participou na inauguración, onde se puxo en valor o compromiso da Deputación de Ourense coa cultura.

Pinturas de máis de tres metros, algunhas delas feitas con bolígrafo, recollen o sentir deste camiñante que ven de rematar a Vía da Prata A exposición conta ademais coa colaboración do Consulado Arxentino en Vigo, que atende á importante poboación arxentina de todo Galicia. A encargada de asuntos culturais da institución, Vera Pozzi, participou no acto.

O Camiño de Santiago, percorrido hai centos de anos por millóns de peregrinos, é a ruta que convida unha e outra vez a Diego Beyró (Bos Aires, 1984) a camiñar. Logo de catro experiencias polas rutas xacobeas -o Camiño Francés, o Portugués, o do Norte e a Vía da Prata, transitado recentemente-, o artista traduce as súas memorias en cadros de gran formato, superando en ocasións os tres metros de altura e que presenta nesta exposición.

Obras impactantes e maxestuosas onde a figuración e o realismo acadan unha nova dimensión a través de diferentes técnicas e diferentes soportes, algunhas delas realizadas con bolígrafo. O camiñante pasa a ser pintor pero o pintor non deixa de ser camiñante e descarga toda a súa experiencia nestas obras que ven a luz por primeira vez.

Beyró establece un dialogo coas orixes ancestrais do Camiño, trazando un paralelismo coa busca de iluminación que dende hai miles de anos levou aos celtas a conectar coa terra e a natureza, perseguindo o último sol de Fisterra.

Oportunidade de amosar lenzos de grandes dimensións

O artista amósase agradecido pola oportunidade de traer a súa obra ao Centro Cultural Marcos Valcárcel, salientando a dificultade de atopar espazos onde sexa posible amosar lenzos e pinturas das dimensión coas que traballa o pintor arxentino.

“Galaica” poderá visitarse no Centro Cultural Marcos Valcárcel entre o 17 de xullo e o día 7 de setembro. Dende o 25 de xullo ao 31 de agosto, o centro cultural terá horario unicamente matinal.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------