Gonzalo Caballero urxe a Feijóo a poñer fin á “vinganza” contra o xinecólogo que defendeu o paridoiro de Verín: “habería que expedientalos a vostedes por tentar pechalo”

O secretario xeral denuncia “a escalada de mentiras” de Feijóo, que chegou a negar a existencia do expediente contra o doutor Castrillo, e esixe “respecto” para os profesionais

Publicidade

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, centrou a súa pregunta a Feijóo no pleno do Parlamento na “purga” ao xinecólogo xefe do hospital de Verín por defender o paridoiro da vila, para esixirlle que poña fin á “vinganza” contra el e para reclamarlle que “respecte” aos profesionais sanitarios.

“Un ano despois de que tiveran que rectificar porque ata o propio PP de Ourense lles deu as costas, ábrenlle expediente ao xinecólogo por defender o paridoiro de Verín. Habería que expedientalos a vostedes por tentar pechalo”, sentenciou Gonzalo Caballero, quen censurou a “sucesión de mentiras” de Feijóo no relativo a este paridoiro.

De feito, recordou que Feijóo chegou a esgrimir “perda de pericia” dos profesionais médicos para xustificar a supresión deste servizo e que foi o propio doutor Castrillo quen o desmentiu, ao sinalar que o peche obedecía a unha “decisión política” para “abaratar custes” na sanidade pública. A mentira sobre a suposta perda de capacidade dos médicos quedou en evidencia cando o PP tivo que “recuar” e manter aberto o paridoiro ante a presión popular, como apuntou o secretario xeral do PSdeG.

Un ano despois daquilo, reprobou, chegou o “intento de purga” ao facultativo a través do expediente disciplinario, a pesares de que Feijóo non dubidou en afirmar publicamente que “hai un erro, non é un expediente disciplinario senón unha denuncia dunha pediatra”. “Un pouco de respecto á verdade”, reclamou o líder do PSdeG coa primeira folla dese expediente na man.

Ademais, recordou que, segundo consta no informe da Inspección Médica, esa pediatra afirmou que a súa denuncia “non se fixo por iniciativa propia, foi o meu xefe de servizo o que falou con Xerencia e me pediron que o fixera”. “Vostede é o responsable político deste expediente, que ten intencionalidade política”, espetou Gonzalo Caballero a Feijóo.

“MONUMENTO A QUEN DEFENDE A SANIDADE PÚBLICA”

“Deixe tranquilos aos profesionais que defenden a sanidade pública”, requiriulle o máximo dirixente do PSdeG, consciente de que o goberno de Feijóo está “acorralado” pola “sucesión de mentiras” nas que leva incorrido dende que decidiu o peche do paridoiro.

Por iso, Gonzalo Caballero instou a Feijóo a poñer fin a este xeito de actuar e a “respectar” aos profesionais médicos. “Debería facer un monumento a quen defende a sanidade pública”, concluíu o xefe de filas do PSdeG.