O grupo socialista critica no parlamento o “uso sistemático en fraude” dos fondos da Deputación de Ourense “no reforzamento dunha estrutura de partido”

Carmen Rodríguez Dacosta denuncia o uso arbitrario de fondos e o incumprimento sistemático dos principios de transparencia e concorrencia competitiva en beneficio dos concellos do PP

Reclama a “homologación por unha vez á Deputación de Ourense ás do resto do país” garantindo o reparto equitativo e transparente dos recursos

AVANTAR ACTIVIDADES

Santiago de Compostela, 03 de novembro de 2022. A parlamentaria socialista Carmen Rodríguez Dacosta, censurou hoxe no Parlamento o “uso sistemático en fraude” dos fondos da Deputación de Ourense en favor do “reforzamento dunha estrutura de partido”. Así o dixo na comparecencia do presidente do ente provincial para dar conta dos Orzamentos da Deputación para o próximo ano.

Rodríguez Dacosta criticou o uso espurio dos recursos públicos para beneficiar maioritariamente a concellos do PP e perpetuar no goberno ao actual presidente, mesmo vulnerando os principios de transparencia e concorrencia competitiva. Aludiu así ao informe do Consello de Contas alertando de que 9 de cada 10 subvencións e 8 de cada 10 contratos asinados pola Deputación son concedidos “a dedo”.

Grazas a esta fórmula, explicou, os concellos do PP reciben o 86 por cento das subvencións, preto de 5,5 millóns de euros fronte aos apenas 514.000 euros que reciben os do PSdeG, que fican nun escaso 8,8 por cento. Salientou que tan só dous concellos do PP, como son Monterrei e Pereiro de Aguiar, con apenas 3.822 habitantes, recibiron 585.000 euros, máis que os apenas 425.000 que recibiron os 21 concellos nos que goberna o PSdeG.

A parlamentaria socialista explica que tan só o 20 por cento de todo o gasto da Deputación foi adxudicado mediante procedementos baseados na publicidade e a concorrencia competitiva, co que o marco orzamentario por completo “queda invalidado polo vicio que o PP lle inxecta na raíz”. Criticou que “segundo o concello da provincia no que vivan, hai ourensáns que quedan á marxe do sistema constitucional que garante a igualdade no reparto de cargas e beneficios”.

Carmen Rodríguez Dacosta puxo en cuestión a xestión do PP á fronte da Deputación, que dedica apenas 1.666 euros por quilómetro para o mantemento das estradas provinciais, fronte aos 8.235 que orzamenta a Deputación de Pontevedra, presidida polo PSdeG, un ente que destina 7 millóns de euros a servizos sociais comunitarios, fronte aos 1,2 millóns orzamentados en Ourense.

Criticou ademais que esta Deputación destine “directamente 0 euros” para políticas de Igualdade, fronte aos 2,3 millóns que orzamenta Pontevedra, así como os apenas 440.000 euros para fomento do Deporte, que na provincia veciña ascenden a 4,1 millóns de euros.

Homologación

A responsable socialista reclamoulle ao presidente do ente que “se aveña por unha vez ao que demandan os tempos e homologue por unha vez a Deputación de Ourense ás do resto do país”, e adiantou que “quedaría sorprendido da capacidade dos concellos para pelexar o seu futuro”.

Rodríguez Dacosta emprazou a Baltar a converterse no “primeiro presidente na historia da Deputación que foi benefactor senlleiro da provincia”. Apunta que os gobernos locais, dotados dos recursos que “en xustiza son seus”, son “capaces de por en pé iniciativas e estratexias que os saquen da inercia mortecina” á que están sometidos.