Xulio Álvarez Crespo Biólogo e docente

Artigo : “MEDIO AMBIENTE: O NOSO COMPROMISO. Xestión dos refugallos. Reciclaxe: un mundo posíbel

Chegamos ao final da serie «Medio ambiente: o noso compromiso». No presente artigo
quixera facer un breve repaso daqueles materiais susceptibles de ser reciclados: papel, cartón,
vidro, pilas, latas, Tetra Brik… Farémolo do xeito máis sinxelo posible, sen entrar na descrición
dos mecanismos e procesos da reciclaxe, xa que nos parece importante resaltar os aspectos
relativos ao medio ambiente en si. Para o presente artigo, nada mellor que rescatar os
traballos que co meu exalumnado e antigos compañeiros e compañeiras de profesión
elaboramos hai tempo no proxecto Aula da Natureza e da Experimentación no IES nº1 do
Carballiño.


Vaia pois este artigo como homenaxe a aqueles rapaces e rapazas que puxeron o seu grao de
contribución para co medio ambiente.


Como xa definimos anteriormente noutros artigos, insistimos en que reciclar é tratar uns
produtos tomados como materia prima e, a partir deles, obter produtos novos. A reciclaxe
contribúe a un desenvolvemento sostible do planeta. Con ela redúcese a cantidade de materia
prima extraída da terra e necesítase menos gasto enerxético e menos consumo de auga nos
procesos de obtención dos distintos produtos.

O vidro constitúe un material facilmente recuperable. Fragméntase mediante moenda,
depúrase e límpase de restos. Así obtense a chamada chatarra de vidro. A fusión desta
conséguese a temperaturas moi reducidas, cun considerable aforro enerxético. Doutra banda
é posible reciclar gran variedade de plásticos. Despois da trituración ou moenda procédese a
un lavado e compactación; obtense así a “granza” e a partir dela pódese xerar materias como
bolsas de comercio, bolsas de lixo, macetas, perchas e mesmo xoguetes. A vantaxe da súa
reciclaxe é dupla, pois ao mesmo tempo evitamos a súa incineración, responsable de
compostos moi contaminantes que acaban na atmosfera .

As chatarras férricas (metais e latas) son materias moi fáciles de recuperar por separación
magnética. Úsanse para a produción de aceiro, posto que o aforro enerxético e de auga neste
procedemento é moi importante, ao tempo que se evitan outros procesos contaminantes.


A roupa e o calzado recollido dependendo da súa calidade e estado de conservación destínase
á venda con prezos simbólicos ou dóase a persoas en risco de exclusión ou en situación
económica difícil. A que está en peor estado destínase a empresas que a reciclan para novos
usos.

Os aceites, fundamentalmente os refugallos domésticos da cociña, deben ser reciclados para
evitar así o seu alto poder contaminante. Un litro de aceite pode contaminar ata 1000 litros de
auga. Ao solidificarse, tupe as tubaxes. Un xeito de reciclalo é producir con eles xabóns ou
biodiésel.


Finalmente, cómpre dicir que é importante reciclar as pilas e baterías. Estas conteñen
materiais altamente perigosos, como zinc, cadmio, mercurio ou chumbo, que poden chegar ao
medio, a outros seres vivos e, a través da cadea alimentaria, ao ser humano. Tamén
contaminan os solos e a auga.

(Ecoloxía no cotidiano. ADEGA. Edita MANCOMÚN)

Rematamos aquí unha serie iniciada hai tempo co obxecto de que os posibles lectores
desfrutasen dos contidos e explicacións sobre o respecto ao medio ambiente. Se así foi,
doume máis que satisfeito.

Obrigado e ata a próxima.

————————————————————————————————-

Outros ARTIGOS de Xulio Álvarez Crespo:

Artigo : Medio Ambiente: O Noso Compromiso “

Artigo : Medio Ambiente: Pasado, Presente e Futuro

Artigo : Medio Ambiente: O Noso Compromiso. Recollida (1)

Artigo : Medio Ambiente: O Noso Compromiso. Recollida (2): A Vila do Carballiño “

Artigo : ” Medio ambiente : O Noso Compromiso. Reducir e Reutilizar “

Artigo : MEDIO AMBIENTE: O NOSO COMPROMISO. coronavirus e xestión de refugallos

Artigo : “ MEDIO AMBIENTE: O NOSO COMPROMISO. Xestión dos refugallos: Vertedoiros

Artigo : ” MEDIO AMBIENTE: O NOSO COMPROMISO. Xestión dos refugallos: Incineración

Artigo : ” MEDIO AMBIENTE: O NOSO COMPROMISO. Xestión dos refugallos: Reciclaxe e compostaxe

Artigo : ” MEDIO AMBIENTE: O NOSO COMPROMISO Como construír unha composteira e como facer o noso compost “