A Deputación abre un ciclo de xornadas para dar a coñecer o traballo da administración provincial e os concellos en iniciativas de reto demográfico

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

No antigo balneario de Cortegada, escenario da primeira sesión, o vicepresidente primeiro, Rosendo Fernández, definiu este reto como “un fenómeno complexo que engloba diferentes dimensións e enfronta importantes desafíos que esixen novas respostas desde a acción política” 

A deputada provincial Luz Doporto e o director da área de Benestar da Deputación, José Juan Cerdeira, organizadores do ciclo, abriron a xornada falando do primeiro Plan provincial contra a Soidade non desexada, que incorporará convenios piloto municipais de termalismo para as persoas que vivan soas

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Representantes de sete concellos, ademais de iniciativas privadas, abordaron a contribución do termalismo ás economías locais e a mobilidade en territorios rurais e maila conexión destas zonas co AVE

O ciclo desenvolverase ao longo dos próximos meses en espazos rurais da provincia para expoñer exemplos locais de boas prácticas e innovación, transferibles tanto a outros municipios como a nivel provincial

Cortegada, 16 de decembro de 2022.- O antigo balneario de Cortegada acolleu esta mañá a primeira sesión dun ciclo de xornadas que, organizadas pola Deputación de Ourense a través da área de Benestar, pretende mostrar ao longo dos próximos meses o traballo que realizan a administración provincial e os concellos ourensáns en iniciativas de reto demográfico. “Unhas xornadas que se configuran como espazos de debate, reflexión e transferencia de boas prácticas, ademais dun lugar para a innovación e o tratamento de temas de actualidade”, sinalou no acto de apertura o vicepresidente primeiro da Deputación, Rosendo Fernández.

Os participantes, entre os que se atopaban a deputada de Reto Demográfico, Luz Doporto, alcaldesas, alcaldes, concelleiros e representantes de iniciativas privadas, foron recibidos en calidade de anfitrión polo alcalde de Cortegada, Avelino de Francisco, que encomiou o escenario escollido para esta primeira xornada, “símbolo do que foi Cortegada e do que queremos facer: recuperar a puxanza e a riqueza que nos deu o termalismo”.

Rosendo Fernández definiu o reto demográfico como “un fenómeno complexo que engloba diferentes dimensións e ten que enfrontar importantes desafíos como a localización xeográfica, a dispersión, a despoboación, o envellecemento ou as dificultades para a prestación de servizos”, retos que segundo afirmou “esixen novas respostas desde a acción política, mudando o xeito de mirar cara o territorio”.

As xornadas, explicou Fernández, desenvolveranse en espazos rurais da provincia “que dean conta do esforzo que fan os concellos para o seu desenvolvemento socioeconómico”, poñendo énfase no antiguo balneario de Cortegada, “exemplo do pasado e da tradición dun territorio, que cedeu o testigo a un novo balneario como pulo ao termalismo local, aliñado co plan provincial”.

Cada sesión contará coa participación de representantes municipais, ademais da iniciativa privada, “que presentarán experiencias transferibles tanto a outros municipios como a nivel provincial”, destacou Rosendo Fernández, sen esquecer a posibilidade de abordar outros temas de interese para os concellos como o financiamento europeo, a política social ou a economía circular.

Plan contra a soidade, termalismo e mobilidade

Luz Doporto e o director da área de Benestar da Deputación, José Juan Cerdeira, abriron a sesión falando do primeiro Plan provincial contra a Soidade non desexada, unha das propostas aprobadas o pasado 8 de novembro no debate sobre o estado da provincia, destacando que a propia Organización Mundial da Saúde identifica este problema como «un dos grandes riscos para o deterioro da saúde das persoas maiores». Así, adiantaron os relatores, este plan incorporará convenios piloto municipais de termalismo para as persoas que vivan soas.

O termalismo e a mobilidade foron outros dos temas seleccionados para esta primeira xornada. Na mesa redonda sobre termalismo participaron as alcaldesas e alcaldes de Lobios, María del Carmen Yáñez; Cenlle, Rebeca Sotelo; Arnoia, Rodrigo Aparicio; Leiro, Francisco José Fernández; Bande, Sandra Quintas; Castrelo de Miño, Avelino Pazos; e o concelleiro de Turismo do Carballiño, Manuel Dacal. Os representantes destes sete concellos analizaron como un balneario contribúe á economía local, a importancia da posta en marcha de infraestruturas termais e como os municipios poden desenvolver estratexias de cooperación e promoción cos concellos limítrofes que posúen balnearios.

A mobilidade abordouse desde dúas perspectivas. A primeira delas, as experiencias de conectividade interior en municipios de reto demográfico, a través de iniciativas postas en marcha desde a administración pública. O alcalde de San Xoán de Río, Xosé Miguel Pérez Blecua, falou dos vehículos compartidos; a representante do Consorcio da Ribeira Sacra, Alexandra Seara, dos autobuses lanzadeira ao territorio rural; e o concelleiro de Quintela de Leirado e deputado provincial, Pablo Pérez, dos servizos de autobús en concellos rurais.

Tamén se expuxeron experiencias privadas de mobilidade relacionadas coa conexión da alta velocidade ferroviaria co territorio rural, a cargo do CEO da plataforma Mobify, José Manuel Martínez, e da representante da concesionaria Bétula Cars.

A xornada rematou coa presentación da aplicación dixital “aldealista”. Creada en San Xoán de Río, ten como obxectivo mostrar e poñer en valor os concellos galegos con menos de 5.000 habitantes, tratando de conseguir que as visitas concertadas aos pobos podan chegar a captar novos habitantes.