O concello de Ribadavia concede as súas axudas sociais 2021 cubrindo a 26 fogares que antes quedaban excluídos.

Desde o Concello chegamos a 26 fogares que non son atendidos pola axuda da Xunta, e que grazas a esta liña nova do Concello conseguimos darlle cobertura social.

Publicidade

Valoramos moi positivamente os datos acadados por esta nova axuda social aprobada nos Orzamentos 2021, unha axuda que ata o de agora non existía e que supón chegar as persoas que era excluídas das axudas da Xunta de Galicia.

O Concello tiña orzamentado 20.000 euros, e xa conseguimos conceder axudas por valor de 13.500 euros para este ano 2021, polo que estimamos que poderemos chegar aínda a máis xente antes de rematar o ano.

Estas axudas do Concello foron aprobadas para intentar chegar a aquela poboación que non se pode beneficiar das axudas da “tarxeta moedeiro” da Xunta.

O Concello concede así unha axuda durante 6 meses para gastos de vivenda, vestimenta, alimentación e necesidades básicas.

O Concello aprobou nos Orzamentos 2021 unha nova partida que financia estas medidas urxentes en forma de axudas a aquelas persoas que máis o necesitan e están sufrindo nesta crise. En momentos críticos, sen ser a solución definitiva, estas axudas poden ser cruciais para moitas persoas da nosa sociedade.

A axuda económica do Concello de Ribadavia é periódica durante os meses de xuño a decembro de 2021, co obxectivo de complementar os recursos e prestacións para a cobertura das necesidades básicas de alimentación, hixiene, farmacia, vestimenta, así como gastos de pago de aluguer, hipoteca e pago de suministros da vivenda habitual sita en Ribadavia.

O Concello ten previsto que esta axuda se estableza de maneira permanente coma un dereito social para aqueles veciños empadroados que máis necesidade teñen.

As axudas poden xustificarse con gastos de vivenda tales como aluguer, e facturas de luz e auga da vivenda, así como calefacción.

Así mesmo, poden xustificarse gastos en necesidades familiares básicas en establecementos minoristas con domicilio social no Concello de Ribadavia, que venda produtos relacionados co obxecto da axuda alimentación, hixiene, farmacia e vestimenta.

O prazo para solicitar estas axudas comezou o pasado 1 de xuño e poden solicitarse durante todo o ano 2021.

A intención do goberno é reeditala para os Orzamentos 2022 e mesmo intentar ampliala, pois a valoración está sendo moi positiva.

Baremo de Ingresos
Familia de 1 membro: 100% do IPREM 565 €
Familia de 2 membros: 130% do IPREM 734 €
Familia de 3 membros: 150% do IPREM 847 €
Familia de 4 membros ou máis membros: 160% do IPREM 904 €

O Concello ten unha partida de 20.000 euros, supoñendo un esforzo moi importante en proporción á o tamaño e poboación de Ribadavia, sendo unhas axudas municipais moi importantes e avanzadas que poucos Concellos dispoñen actualmente.

Baremo de IngresosAxuda económica
Familia de 1 membro
50 €/mes
Familia de 2 membros
100 €/mes
Familia de 3 membros
160 €/mes

Familia de 4 membros ou máis

200 €/mes

O 60% das axudas concedidas son para fogares de un único membro, con pensión non contributiva ou cunha pensión moi reducida. Falamos de persoas que o necesitan moito e que ademais o xustifica en bens básicos de consumo, supoñendo unha axuda mensual que valoran moi positivamente.

O Concello de Ribadavia defende o seu compromiso coas políticas sociais destinando recursos a quen máis o necesita.