O BNG demanda do alcalde informes técnicos que avalíen a súa proposta de adquisición de novos autobuses para o servizo

. Os nacionalistas reclaman un informe de necesidades para verificar que o número de vehículos que pretende mercar o alcalde, 33, son suficientes para a prestación do servizo, así como informes que permitan contrastar a tipoloxía de buses a adquirir

Publicidade

O Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense lamenta que de novo, o alcalde compareza nunha reunión para falar dun asunto tan serio e relevante como é o modelo de adquisición dos autobuses urbanos que permitan renovar a frota, pero de novo, sen informes técnicos que sustenten as intencións do rexedor.

Na reunión de hoxe, o alcalde ofreceu ao resto do grupos un informe económico referido a adquisición de 33 novos vehículos cun prezo aproximado de 10 millóns de euros pero sen acompañalo de ningún informe de necesidades que determine o número necesario para cubrir todo o servizo. Este feito xera moitas dúbidas aos nacionalistas xa que como ben afirman “porqué 33 e non 37 ou 45, en qué se basa o alcalde para que sexan 33 os vehículos a adquirir”. Polo que de novo requeríronlle a necesidade de contar con informes técnicos que teñan en conta este tipo de cuestións.

Outro dos aspectos que non quedou claro e que tampouco está avalado por ningún documento máis alá da opinión do propio alcalde é a tipoloxía de buses a mercar. Se na reunión da semana pasada o propio Jácome descartaba a adquisición de vehículos de gas por entender que non eran os máis acaídos, na reunión desta mañá afirmou que esta sería a mellor opción e pola que están apostando noutras urbes tanto estatais como europeas.

En definitiva, o alcalde do Concello de Ourense pretende que os grupos da oposición fixen posición a respecto dunha decisión de enorme repercusión para as arcas municipais e para o futuro dun servizo tan importante como é o do transporte público pero sen os necesarios informes técnicos que teñan en conta todas as vicisitudes e particularidades dun servizo de enorme complexidade.

 Comisión de pleno

En relación coa proposta de creación dunha nova Dirección Xeral, o BNG abstívose e reservou o voto para o Pleno no caso de que o alcalde decida levalo á sesión prevista para o vindeiro día 05 de marzo, tendo en conta que dita proposta foi ditaminada en contra esta mañá na Comisión de Pleno. En todo caso a posición dos nacionalistas é contraria a que o alcalde pretenda crear un goberno paralelo de tecnócratas co obxectivo de facer crer que hai un goberno que funciona cando o que hai é a falla total e absoluta de dirección política.

 Aparición de cebos con alfinetes

Estamos diante dun problema grave segundo o BNG e mesmo diante dun delicto que non so afecta aos cans senón tamén aos numerosos animais, nomeadamente gatos, abandonados ao longo de todo o termo municipal.

Estamos diante dun delito de maltrato animal polo que o BNG esíselle ao actual Goberno Local que poña todos os medios dispoñíbeis ao seu alcance e se implique activamente en tentar aclarar quen ou quenes están detras destes feitos que están a causar unha gran alarma social.

Igualmente os nacionalistas solicitan a posta en marcha por parte do concello de campañas de concienciación social ao tempo que destacan a implicación e o traballo que desde o inicio está levando a cabo a Policía Local de Ourense, por certo, unha policía Local mermada de efectivos.

 Por último, desde o Grupo Municipal do BNG piden tamén a implicación e colaboración cidadá para tentar esclarecer os feitos e evitar que sigan acontecendo.