O PSOE solicita un parque infantil para Franqueirán, en Ribadavia

O PSdeG-PSOE de Ribadavia levará o vindeiro pleno municipal do Concello, unha moción na que insta ao goberno municipal de Ribadavia a que se proceda, de forma “inmediata”, a construción dun parque infantil na parroquia de Franqueirán. Os socialistas lembran que levan máis dun ano pedíndolle o alcalde e o grupo de goberno do Partido Popular que cumpra co compromiso adoptado no seu día de dotar a esta parroquia dun parque infantil.

Máis dun ano despois do compromiso acadado polo alcalde para levar a cabo a construción deste parque “nada se sabe do mesmo”, motivo polo que os socialistas critican “un novo episodio de deixadez e pasotismo” do rexedor da vila, ao que tamén lle lembran que a construción deste parque foi unha das moitas condicións que o PSOE puxo sobre a mesa para aprobar os orzamentos.

AVANTAR ACTIVIDADES

Dende o Grupo Municipal Socialista apuntan a que esta petición “non é ningún capricho” e falan de “necesidade real” tralo aumento nos últimos anos do número de nenos e nenas na parroquia de Franqueirán, o que se sumou a chegada de novas familias con crianzas e que non contan a día de hoxe con ningún parque infantil para que os cativos e cativas poidan desfrutar.

Os socialistas instan ao grupo de goberno a actuar coa maior axilidade posible para levar a cabo esta actuación “primordial para a veciñanza de Franqueirán”.

Os socialistas lembran tamén que o longo de diversas lexislaturas, e nomeadamente da lexislatura pasada, fíxose unha “aposta clara” por implantar e reformar os distintos parques infantís tanto das parroquias como da propia capital do Concello. Sen ir máis lonxe, na última lexislatura reformáronse e practicamente se fixeron de novo tres parques infantís en Francelos, Sampaio e San Cristovo, o que se sumou a reforma do parque dos Xardinillos ou a actuación no parque da Alameda, que se dotou de baños públicos e de xogos para persoas con discapacidade. Tamén neste mesmo período se colocou unha nova tirolina na zona da Veronza e se construí un parque de adestramento e desfrute de cans.