A Xunta inicia os traballos de sinalización de rutas ciclistas

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, trala visita institucional ao concello de Baños de Molgas, desprazouse á estrada OU -103 para asistir ao inicio dos traballos de sinalización de rutas ciclistas protexidas que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vai desenvolver nas estradas autonómicas da provincia de Ourense.

Con esta intervención, que comezou a semana pasada na provincia de Pontevedra, estanse a levar a cabo as actuacións programadas en máis de 600 quilómetros de rutas ciclistas protexidas na rede de estradas de titularidade da Xunta, ás que se destina un orzamento autonómico de máis de 180.000 euros.

Os traballos desenvolveranse na ruta protexida ES-OU-02, Maceda – Almoite – Milagros – Maceda, principiando na estrada OU -103, no PQ aprox. 4 + 760. A continuación están programadas estas tarefas no ámbito da ES – OU – 01, Ourense – Ribadavia – Ourense, e na ES – OU – 03, Ourense – Ribadavia – Leiro – Carballiño – Maside – Ourense.

Publicidade Premer na Imaxe

As actuacións iranse estendendo ao longo deste mes e no de decembro aos traxectos deportivos protexidos das vías autonómicas das provincias, de Lugo e da Coruña.

Deste xeito, actuarase nun total de 10 percorridos das estradas autonómicas das catro provincias, onde se instalarán máis de 300 sinais e paneis para que os condutores estean alerta da presenza dos ciclistas. As actuacións prestarán ademais especial atención ao mantemento das beiravías.

O obxectivo destas intervencións é incrementar a seguridade nas rutas habituais dos ciclistas deportivos.

Esta actuación de protección dos usuarios vulnerables das estradas, que se enmarca no Plan de Seguridade Viaria da Xunta, céntrase nos ciclistas deportivos, tendo en conta as características diferenciais deste colectivo no uso das estradas, que fai preciso intervencións adaptadas ao colectivo.

Os ciclistas deportivos circulan a unha velocidade moito maior, polo que teñen que desprazarse pola calzada, preferentemente pola beiravía. Isto provoca situacións de maior vulnerabilidade e actuacións como estas van encamiñadas a reforzar a súa seguridade.