O PSDEG-PSOE DE OURENSE ESIXE A DIMISIÓN DE LUIS MENOR POLO ENCHUFISMO FAMILIAR NA DEPUTACIÓN E DENUNCIA QUE O BALTARISMO CONTINÚA BAIXO A SÚA PRESIDENCIA
As e os socialistas advirten de que a institución provincial segue funcionando como unha axencia de colocación para cargos, familiares e persoas próximas ao PP, e reclaman a Alfonso Rueda que asuma a súa responsabilidade política
José Ramón Gómez Besteiro, afirma que “o que publica El País sobre a Deputación de Ourense vén corroborar unha situación que as e os socialistas levamos tempo constatando e denunciando e que non é outra que marcharon os Baltar, pero o baltarismo continúa”
“Luis Menor chegou á presidencia da Deputación da man de Alfonso Rueda, supostamente para abrir unha nova etapa tras décadas de clientelismo. Pero foi unha promesa de rexeneración política falsa. Hoxe comprobamos que o problema non desapareceu, simplemente cambiaron as persoas que están á fronte, mentres se manteñen as mesmas prácticas”, denuncia Álvaro Vila
Ourense, 25 de novembro de 2026. O PSdeG-PSOE de Ourense denuncia que a Deputación Provincial continúa reproducindo, baixo a presidencia de Luis Menor, as mesmas prácticas de “enchufismo e utilización partidista do emprego público” que caracterizaron durante décadas a etapa dos Baltar. Os novos casos de familiares e persoas vinculadas a dirixentes e cargos do Partido Popular que conseguiron prazas fixas na institución provincial volven poñer de manifesto que o cambio na presidencia non supuxo a rexeneración que prometera o PP, senón a continuidade dun modelo de clientelismo político.
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, afirma que “o que publica El País sobre a Deputación de Ourense vén corroborar unha situación que as e os socialistas levamos tempo constatando e denunciando e que non é outra que marcharon os Baltar, pero o baltarismo continúa”.
“Cambiaron os apelidos na presidencia da Deputación, pero non as prácticas”, sinala Besteiro, que apunta tamén que “o irmán da xefa de gabinete de Luis Menor, un sobriño de Ana Vázquez, un primo da vicepresidenta da Deputación, concelleiros e candidatos do PP. Todos eles conseguiron prazas fixas na institución provincial baixo a presidencia de Menor”.
Besteiro pregunta “cantas coincidencias fan falta para que deixen de ser coincidencias?” e reclama explicacións e garantías de igualdade de oportunidades. “As e os ourensáns merecen saber que todos os aspirantes concorren en igualdade de condicións ao emprego público, sen que os apelidos, as relacións familiares ou o carné dun partido poidan representar ningunha vantaxe”.
Pola súa banda, o secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Álvaro Vila Araújo, considera que estes feitos demostran o fracaso da suposta nova etapa que Alfonso Rueda quixo vender coa chegada de Luis Menor á presidencia da Deputación. “Luis Menor chegou á presidencia da Deputación da man de Alfonso Rueda, supostamente para abrir unha nova etapa tras décadas de clientelismo. Pero foi unha promesa de rexeneración política falsa. Hoxe comprobamos que o problema non desapareceu, simplemente cambiaron as persoas que están á fronte, mentres se manteñen as mesmas prácticas”, denuncia.
Por iso, Álvaro Vila esixe “a dimisión inmediata de Luis Menor” e reclama a Alfonso Rueda que asuma a súa responsabilidade política. “Foi el quen o situou á fronte da Deputación e quen debe responder por esta situación. Non pode seguir mirando para outro lado mentres a institución provincial volve estar no centro dun escándalo pola contratación de persoas vinculadas ao Partido Popular”.
O dirixente socialista subliña ademais que os casos coñecidos non esgotan a preocupación do PSdeG. “Ademais das persoas e relacións familiares que están saíndo á luz, temos constancia de máis familiares e persoas afíns a cargos e candidatos do PP que tamén conseguiron acceder a postos na institución provincial. É necesario investigar a fondo e ofrecer explicacións sobre todos os procesos de selección, non limitarse a xustificar os casos que van aparecendo”.
Unha institución pública non pode ser a axencia de colocación do PP
O PSdeG-PSOE de Ourense lembra que o enchufismo na Deputación de Ourense non é unha polémica nova nin unha cuestión puntual. Durante a etapa de José Luis Baltar, a utilización da institución provincial para favorecer persoas afíns ao Partido Popular chegou a ter consecuencias xudiciais. O expresidente foi condenado en 2014 a nove anos de inhabilitación por un delito continuado de prevaricación relacionado coa contratación irregular de 104 persoas.
As e os socialistas tamén impulsaron durante a etapa de Manuel Baltar iniciativas políticas e accións de denuncia para esclarecer presuntas irregularidades na contratación e na xestión dos recursos públicos. Entre elas, a reclamación dun pleno extraordinario en maio de 2023 para aclarar as graves prácticas denunciadas arredor dunha trama familiar e de contratacións na Deputación, así como a documentación trasladada ao Consello de Contas sobre a adxudicación de contratos menores.
Para o PSdeG-PSOE, a sucesión de casos coñecidos baixo a presidencia de Luis Menor evidencia que o PP non rompeu co modelo herdado, malia os anuncios de cambio e rexeneración. A Deputación debe ser unha institución ao servizo dos concellos e da cidadanía, non un instrumento para premiar lealdades políticas nin para favorecer os círculos familiares e persoais dos dirixentes populares.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
“Ourense non é patrimonio do PP. As institucións públicas están para servir á cidadanía, non ao partido que as goberna. E ter un carné do PP ou un determinado apelido non pode supoñer ningunha vantaxe para acceder a un emprego público”, conclúe Álvaro Vila.
O PSdeG-PSOE de Ourense reclama transparencia absoluta, explicacións sobre os procesos de selección e garantías efectivas de igualdade, mérito e capacidade para todas as persoas aspirantes. A provincia non pode seguir condenada a un modelo no que as oportunidades parecen depender máis das relacións políticas e familiares que dos méritos profesionais.
















