Fontes do Partido Popular de Ourense defenden a legalidade dos procesos de selección de persoal desenvolvidos na Deputación de Ourense, nos que, segundo sinalan, os tribunais avaliaron aos aspirantes con total autonomía e imparcialidade. Subliñan que eses tribunais non só actuaron en procesos da Deputación, senón tamén en concellos gobernados polo PSOE e polo BNG, como Allariz, Maceda, Verín, Barbadás, Vilardevós, Castro de Val ou Coles. Neste sentido, argumentan que se os tribunais valen neses concellos, tamén deben valer para a Deputación.
O PP rexeita o uso partidista desta información en plena campaña electoral, cando se trata de procesos selectivos xa terminados e mesmo cuestionando a persoas que levan dous anos traballando. Considera “sumamente rechamante” que representantes do PSOE emprendan unha batalla mediática contra uns procesos desenvolvidos con garantías e legalidade e sen reclamación ou impugnación algunha. Ademais, afirma que o PSOE non pode dar leccións de transparencia despois de que a Audiencia Provincial de Badaxoz condenase ao irmán de Sánchez a nove anos de inhabilitación como cooperador necesario nun delito de prevaricación administrativa por irregularidades relacionadas coa súa contratación na Deputación de Badaxoz en 2017.

















