A Xunta acolle con satisfacción a concesión do plan de sustentabilidade turística Ourense provincia termal, pero lamenta que chegue cun ano de atraso

  • O delegado territorial subliñou que o Plan de Sostenibilidade Turística Ourense Provincia Termal, cun investimento de 3,1M€ dos que o 45% é aportación da Xunta, que aporta ao proxecto o mesmo importe que o Goberno central, 1,3M€
  • Gabriel Alén sinalou que “Ourense conta cun importante número de concellos ricos en recursos termais, pero que precisan dun plan e de axudas para poder explotalos economicamente e como fonte de riqueza no turismo de saúde e benestar”

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, valora moi positivamente a aprobación de dous novos plans de sustentabilidade para Galicia no marco da convocatoria deste ano dos Planes de Sostenibilidade Turística en Destinos do Goberno central,  aínda que “chega cun ano de retraso algo moi prexudicial para as empresas deste sector, máis aínda na situación na que nos atopamos”.

Gabriel Alén subliñou que o Plan de Sostenibilidad Turística Ourense Provincia Termal, conta cun investimento de 3,1M€ dos que o 45% é aportación da Xunta, que aporta ao proxecto o mesmo importe que o Goberno central, 1,3M€. Completa o investimento a entidade local impulsora do proxecto, a Deputación de Ourense.

AVANTAR ACTIVIDADES

O obxectivo do plan, segundo o representante do Goberno galego, é  xerar competitividade nos municipios termais rurais da provincia, impulsar investimentos e mellorar as infraestruturas, dotacións e captacións termais así como actuacións encamiñas ao fomento da innovación, implantación da intelixencia turística e desenvolvemento do produto adaptado ás novas necesidades do usuario do turismo termal.

Gabriel Alén sinalou respecto a esta concesión que “trátase dunha boa noticia, pero é unha mágoa que esta decisión non chegara moito antes”. O obxectivo deste Plan de Sustentabilidade Turística pasa por reforzar a confianza do viaxeiro e fomentar a comarca como destino seguro, especialmente tras o impacto da pandemia en todo o territorio nacional, “e cremos que agora todos aqueles que viven do turismo non poderán beneficiarse deste proxecto tal e como estaba pensado nun primeiro momento”.

O Goberno galego xa manifestara a comezos deste ano o seu compromiso con ambos proxectos para o desenvolvemento sostible destes destinos turísticos.

O delegado territorial sinalou que “Ourense conta cun importante número de concellos ricos en recursos termais, pero que precisan dun plan e de axudas para poder explotalos economicamente e como fonte de riqueza no turismo de saúde e benestar”.

O turismo termal en Galicia é un dos recursos con máis potencialidade para a recuperación do sector logo dun ano marcado pola crise da pandemia. Galicia é a comunidade líder no conxunto do Estado en canto á oferta mineiro-medicinal, con máis dun 20% dos establecementos balnearios, e tamén a comunidade con maior número de distintivos de calidade nos establecementos termais.